Co especial ‘Camiñantes e cantantes de norte a sur’, a TVG explora esta noite a rivalidade musical entre os distintos Camiños de Santiago

0
28

Santiago, 07.09.2022.-    De todos é sábido que hai varios camiños de Santiago. Cada un deles percorre un feixe de fantásticas paraxes e hai etapas do Camiño practicamente por toda Galicia. Tamén é sabido que existen moitos piques e rivalidades debidas precisamente ao tema xeográfico. Pero hai outra rivalidade que non é tan coñecida: a dos camiños que van polo norte e os que van polo sur, que non se reduce á beleza dos lugares que atravesan, senón que comparan tamén a tradición e a calidade da música relacionada coas diferentes vilas percorridas en cada traxecto.
    
Para explorar esta rivalidade, a Televisión de Galicia ofrece esta noite o especial ‘Camiñantes e cantantes de norte a sur’, un programa de dúas entregas que se emitirá tamén este venres. O elemento centrar de ambos os dous será La Oca Band, unha agrupación musical que lles pon banda sonora ás diferentes sendas de peregrinación nun espectáculo co que levan dous anos de xira por toda Galicia e en que contan coa colaboración de diferentes artistas convidados, como Pili Pampín, Lucía Pérez ou Laura Añón.

A batuta deste “enfrontamento” levarana Manuel Manquiña e Pepo Suevos. O primeiro, camiñante e cantante de orixe viguesa, intentará enxalzar a grandeza dos Camiños de Santiago que cruzan as provincias de Ourense e Pontevedra. O seu rival, ferrolán de nacemento, cumprirá a mesma misión, pero cos camiños que transcorren ao longo da Coruña e Lugo, cunha variante musical tamén de primeiro nivel.

O sangue non chegará ao río, pero as risas á pantalla, a bo seguro que si. Cada un fará unha exposición das marabillas das súas zonas, pero sempre desde o bo humor e unha rivalidade sa e co ritmo da música en directo que achegará La Oca Band ao longo do programa.

Na edición desta noite, os espectadores poderán seguir o percorrido norteño que fará Pepo. Nel verán paraxes e localizacións indispensables dos camiños do norte, que o cómico ferrolán relacionará cun tema musical, ben polo seu autor ou ben pola súa relación co sitio desde onde fala. Unha vez desvelado o tema, amosarase a versión que del se fará desde o escenario.

Así, nesta primeira entrega, soarán, entre outras, cancións como ‘Galicia terra meiga’, na voz de Pili Pampín, ‘O tren’, ‘Terra’, os temas máis míticos de Fuxan os Ventos e un mix de cancións de Juan Pardo, por un lado, e do máis destacado do pop galego, polo outro.

Finalizada esta andaina metafórica polas músicas xacobeas do norte, un insatisfeito Manuel Manquiña emprazará a audiencia a que vexa este venres a seguinte entrega do programa, onde será protagonista a música do sur.

Fuente Crtvg.es