Co novo espazo ‘Grandes Cafés’, a G2 percorrerá cada mércores as cafetarías máis senlleiras de Galicia

0
18

Santiago, 11.01.2023.-   A G2 estrea este mércores, dentro das súas ‘Noites Temáticas’, o programa ‘Grandes Cafés’, sobre as cafetarías máis senlleiras de Galicia e as actuacións musicais que nelas teñen lugar.

Desde que os cafés abriron no noso país, na segunda metade do século XVIII, convertéronse en auténticos centros de lecer e debate. En cada programa, visitaranse tres destes emblemáticos establecementos e contarase a súa historia e idiosincrasia.

‘Grandes Cafés’ falará tamén das especialidades de cada local e fará un percorrido histórico do mesmo. Ademais, en cada programa, distintos músicos interpretarán un tema. Todo isto mesturado coa historia do café e anécdotas e as curiosidades da semente do arbusto, coñecido como cafeto.

No programa de hoxe, ‘Grandes Cafés’ estará na provincia da Coruña, concretamente na vila de Sada, en Ourense e en Lugo. En Sada, visitará o Café La Terraza e falará con Antonio Fariña, dono do local; Manuela Pita, clienta, e Xosé Luís Martínez, arquitecto, que falará das singularidades do edificio. A cantautora Soki interpretará o tema ‘Juegos y mentiras’.

En Ourense, no Café A Coruñesa, o espazo da segunda canle da Galega charlará con Catuxa Piñeiro, camareira; Arturo Alonso, dono do local, e Manuel Docabo, cliente. Marta Bravo e Sergio Tannus cantarán ‘Moondance’. Finalmente, en Lugo, na Docería-Café Madarro, contarase cos testemuños de Dolores Valcárcel, a encargada; da escritora Elisa Vázquez de Gey e da clienta Encarna Saavedra. Paul Baker e Saulo Sause interpretan neste establecemento o tema ‘Fiding time’.

Fuente Crtvg.es