Co novo programa ‘Doutor en Galicia’, a TVG achegarase ao traballo dos profesionais da sanidade galega

0
9

Santiago, 06.12.2019.-   Este sábado chega á grella da TVG o novo programa ‘Doutor en Galicia’, que semana a semana viaxará por todo o territorio galego para conversar cos profesionais da  sanidade galega e saber do seu traballo e os lugares onde o desenvolven. Os espectadores saberán tamén por que escolleron esta profesión e a que dedican o seu tempo de lecer cando non están coidando da nosa saúde.

‘Doutor en Galicia’ iniciará hoxe o percorrido no Hospital Provincial de Pontevedra co xinecólogo Eloy Moral, que contará como é o día a día do seu servizo e como son as instalacións onde traballa. Ademais, Eloy ten unha sorpresa musical da que a audiencia poderá gozar ao longo do programa.
    
O espazo da Televisión de Galicia tamén visitará o HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti) de Lugo, onde o agarda a pediatra Chelo Calviño, que amosará como son os cuartos dos nenos cando teñen que estar no hospital.

Pola súa parte, Rita Jácome é enfermeira pediátrica na área de oncoloxía no Hospital Materno Infantil da Coruña. Desde o seu posto, contará como é traballar con nenos con esta doenza e como é a relación con eles. Pero non só isto, xa que Rita fai todos os anos outro labor importantísimo lonxe da Coruña.

Ademais, en Allariz, Roberto Fernández, médico do PAC desta localidade, ensinará as instalacións das que dispoñen e neste mesmo lugar o programa asistirá a unha consulta cunha usuaria do servizo. Tamén contará que fixo na súa época de estudante para escapar axiña da facultade porque parece ser que non lle gustaba moito. Non acaba aquí o conto, xa que Roberto realiza un labor creativo e intelectual.

Para rematar, o programa achegarase ata a costa norte de Galicia, concretamente a Espasante, onde traballa a médico de familia Matilde Maceiras, que, ademais de atender de xeito excelente os seus doentes, realiza con eles un labor de especial importancia.

Fuente Crtvg.es