Coa presenza como madriña da artista Norma Duval, ‘Xente Marabillosa’ aborda esta semana a doenza do alzhéimer

0
26

Santiago, 29.11.2023.-    Pequenos descoidos, dificultades para desenvolver tarefas habituais, cambios de humor, repeticións nas conversas… Todos estes poden ser trazos típicos do avance da idade, pero tamén síntomas de alzhéimer, unha enfermidade que afecta a un 12,5 % da poboación maior de 65 anos e que centrará esta semana os esforzos do equipo de ‘Xente Marabillosa’.

Este tipo de demencia afecta a memoria e o comportamento das persoas que a sofren e prexudica tanto os pacientes como as súas familias. Na fase inicial, os sinais resultan practicamente imperceptibles pero, pouco a pouco, a doenza mingua as capacidades cognitivas e mesmo físicas dos pacientes ata chegar a unha fase en que a deterioración resulta evidente. Por iso, a pesar de que se trata dunha enfermidade dexenerativa que aínda non ten cura, é fundamental detectala o antes posible para aplicar terapias que axuden a retardala e a mellorar a calidade de vida.

Disto sabe moito a madriña do programa de hoxe, a vedette, presentadora e actriz Norma Duval, que atendeu durante once anos a súa nai, Purificación, enferma de alzhéimer. A artista compartirá a súa experiencia e lembranzas con Lucía Rodríguez, a presentadora de ‘Xente Marabillosa’, que tamén recibirá no estudio unha parella moi especial: Loli e Toño. Ela padece a enfermidade e o seu marido exerce como coidador principal. Xuntos explicarán o que significou para ambos os dous o diagnóstico e como se desenvolve o día a día dos doentes e das familias. Unha información que complementará Mayara Estevam, psicóloga e educadora social da asociación ourensá AFAOR.

Ademais, para concienciar e sensibilizar o público, estrearanse dúas cámaras ocultas en que un home con alzhéimer camiña en pixama pola rúa. Saíu mercar flores para a súa defunta dona, pero desorientouse e non sabe onde está. Unha moza con poucos escrúpulos intentará aproveitarse da situación quitándolle cartos da carteira, pero dúas persoas excepcionais evitarán que o consiga e protexerán o señor. Ambas acudirán ao estudio para recibir o trofeo que as acredita como persoas marabillosas, entregado por Norma Duval, e vivirán unha noite incrible en que non faltarán as bágoas, a emoción, as risas e a música, que chegará da man e voz da cantante Uxía Senlle.

Fuente Crtvg.es