Comeza esta noite na TVG a cuarta edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, que chega con moitas novidades

0
38

Santiago, 29.06.2023.-    Esta noite comeza na TVG unha nova temporada, a cuarta, de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (21:55 h), o concurso que busca o mellor intérprete de orquestra de Galicia, ese artista 360 que pode con todo o que lle boten. Oito concursantes loitarán cada semana para conseguir a mellor puntuación do xurado e os ansiados puntos que os poidan levar directamente á final.

Será unha temporada chea de novidades, comezando pola mestra de cerimonias, que será a actriz e presentadora María Mera. Tamén hai cambios no xurado profesional, en que as xa veteranas Pili Pampín e Lucía Pérez estarán acompañadas polo cantante Roi Casal e o produtor musical Iago Pico. Este xurado profesional terá un papel crucial á hora de elixir o campión ou campioa. Os seus integrantes mirarán todo con lupa e daranlles os mellores consellos aos concursantes para que melloren con cada gala que vaian deixando atrás.

Os espectadores saberán esta noite cales son os artistas que compiten este verán por gañar ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’: un exfutbolista profesional, unha gañadora do concurso ‘Recantos’, unha noviña cantante de 22 anos, un coñecido artista que sempre emociona coa súa avoa, unha voz de familia de cantantes de sempre, unha nova promesa do pop-rock galego, unha animada cantante de festa e un novo cantante e bailarín que está nunha das orquestras máis xuvenís de Galicia.
    
Desta volta, os concursantes non estarán sós, xa que contarán co apoio e apadriñamento das catro grandes orquestras galegas: Panorama, París de Noia, Olympus e Los Satélites. En representación delas, acudirán ao programa Blas, Lito Garrido (que formou parte do xurado en temporadas anteriores), Alba Navarro, Noly e Alejandra Pais, entre outros. O seu papel será aconsellalos e defender as súas actuacións fronte a un xurado máis esixente ca nunca.

Para conducir todo este espectáculo, María Mera contará coa colaboración de César Romero, intérprete da orquestra Cinema, que meterá nalgún que outro compromiso os padriños dos concursantes.

Fuente Crtvg.es