Comeza esta noite na TVG ‘Método Criminal’, serie co narcotráfico como tema de fondo

0
32

Santiago, 31.01.2021.-  Este domingo chega ás pantallas ‘Método Criminal’ (22.30 h), a nova serie de ficción da Televisión de Galicia, unha proposta para escachar coa risa, co narcotráfico como tema de fondo, dirixida por Jorge Saavedra e producida por Voz Audiovisual para a TVG, con Luís Iglesia,  Miguel Canalejo, Mara Sánchez, Sabela Arán e María Roja como protagonistas.

Nesta nova serie, os espectadores atoparán un criminal que non quere selo; un actor en horas baixas, ante o posible papel da súa vida; unha filla que só entende a rebeldía se é subvencionada; unha policía con talento para moverse fóra da lei; narcos dos de verdade e outros narcos dos de rirse deles.

O punto de partida de ‘Método Criminal’ é cando Damián Canosa, que medrou vendo as series da TVG e que se dedica en corpo e alma ao negocio legal da súa familia, un tanatorio ten que facerse cargo do negocio ilegal: o narcotráfico.

Pero el non sabe nada do negocio, polo que non lle queda máis remedio que buscar axuda. Ten que atopar alguén que lle poida ensinar a ser un líder temido, respectado. Alguén carismático, un tipo deses que cando entra nun bar todo o mundo cala. Alguén como… Carmelo Matalobos! O problema é que non existe, el é un personaxe de ficción. Entón terá que conformarse con Luís Iglesia, o actor que lle deu vida. Se foi quen de construír a personaxe, será quen de ensinarlle a ser tan bravo como Carmelo. Agora, ten que convencer a Luís Iglesia para que o axude e iso vai traer tela.

Fuente Crtvg.es