Con ‘Eu quero peixe’, os espectadores da TVG achegaranse esta noite a un dos emblemas da gastronomía galega

0
26

O programa (22.30 h) visitará a lonxa da Coruña e estará tamén nalgúns templos do peixe, como Fisterra, Corcubión, Muxía, Celeiro, Rianxo e Burela

Con 'Eu quero peixe', os espectadores da TVG achegaranse esta noite a un dos emblemas da gastronomía galega

Santiago, 28.07.2021.-    Unha intensa viaxe cargada de sabor a mar. Isto é o que propón esta noite ‘Eu quero peixe’, un programa especial dedicado a un dos emblemas da gastronomía e a cultura galega. As reporteiras do programa, Adela Bértolo, Belén Vara, María Rial e Laura Vaqueiro, serán as encargadas de facer este inesquecible percorrido.
    
Para comezar, estarán na lonxa da Coruña. Alí chegan a diario centos de especies de peixe que forman parte dunhas espectaculares poxas. Despois irán ás prazas de abastos para coñecer as opinións das máis experimentadas peixeiras e dos clientes.

A continuación, visitarán algúns dos templos do peixe espallados por Galicia adiante. En Fisterra probarán a robaliza á grella, en Corcubión gozarán do sabor do sanmartiño e no concello de Muxía acudirán a un santuario do congro en caldeirada. As cámaras do programa deste mércores á noite tamén estarán en Celeiro para descubrir todos os segredos da prestixiosa pescada do pincho.
    
‘Eu quero peixe’ seguirá o seu sabedor percorrido en Vilagarcía de Arousa. Neste concello, as reporteiras visitarán unha empresa distribuidora de bacallau. E, para cociñalo ao forno dun xeito moi especial, pasarán polo concello de Brión.
    
Nesta época de verán, as xoubas e as sardiñas pasan polo seu mellor momento. Así que o programa tamén estará en Rianxo para participar na elaboración dun delicioso guiso de xoubas. E no concello de Poio, en Combarro, coñecerán uns mestres das sardiñas.
    
Burela será outro dos destinos de ‘Eu quero peixe’. Alí o bonito é o rei das lonxas e das cociñas e as reporteiras queren sabelo todo sobre un manxar tan querido por todos. E, para que non falte de nada, o programa ofrecerá a actuación do grupo Charamuscas, de Santiago de Compostela.

Fuente Crtvg.es