Continúa en ‘Saudade de ti’ a investigación pola agresión a Garay, o que provoca unha grande inquietude en Isidro

0
27

Santiago, 30.07.2023.-    Esta noite, en ‘Saudade de ti’ (22:35 h), a investigación pola agresión a Garay continúa e a Garda Civil acode a Porto de Abrente para buscar a gravación das cámaras de seguridade, unha noticia que provoca unha grande inquietude en Isidro, temeroso do que se poida ver nesas imaxes.

Mentres, Adela continúa cegada pola súa paixón por David. Fai oídos xordos ás advertencias da súa familia e non advirte que o seu amante está pensando en fuxir de Abrente cos seus cartos.

Teresa tampouco sospeita nada dos plans de David e comeza a ilusionarse coa idea de que Elba e o mozo non tarden en casar. Pero antes de que iso chegue a suceder, a filla vaille dar unha inesperada noticia.

A continuación, no seguinte capítulo da serie que hoxe ofrecerá a TVG, os espectadores verán como, a pesar das dúbidas de Celia, parece que Raúl podería saír de prisión grazas ás imaxes captadas polas cámaras de seguridade de Porto de Abrente. Isidro, que estivo implicado na agresión a Garay pero descoñece o contido das gravacións, comeza a inquietarse polo seu futuro.

Pola súa parte, David quérese librar da supervisión de Mónica na empresa e aproveita o avanzado estado de xestación dela para acusala de falta de produtividade. Adela está decidida a obrigar a súa nora a que colla a baixa durante os últimos meses do embarazo. Polo ben do seu futuro neto, vai apartar a Mónica de todas as súas responsabilidades profesionais. Ao mesmo tempo, Elba empeza a pensar que a súa relación con David non é tan boa como lle gustaría.

Fuente Crtvg.es