Desde o luns, volve o ‘Diario Cultural’ á Radio Galega

0
0

Santiago, 26.04.2020.-    Para dar conta do que se está a mover no mundo da cultura durante estas semanas, a Radio Galega retoma a partir do luns, 27 de abril, a emisión do ‘Diario Cultural’, que fora suspendido despois da declaración do estado de alarma, na súa edición de tarde. De luns a venres, de 17.30 a 18.00 h, con Vituco Neira aos micrófonos, a RG recupera un tempo de seu para a cultura, cuxa información se estivo a ofrecer durante o confinamento nos distintos magazines da emisora.

Así pois, reábrese o ‘Diario Cultural’ para saber o que está a ocorrer nas redes e para estar ao carón dos protagonistas da cultura galega nestes difíciles momentos. Cada tarde, os oíntes saberán como están a vivir esta situación, cales son as súas inquietudes e en que están traballando. O espazo da Radio Galega contará neste regreso coa participación dos seus colaboradores nos distintos ámbitos, desde a música, a literatura e a arte ata a danza e o teatro, pasando polo cinema ou a banda deseñada, entre outros.

No programa deste luns, Vituco Neira falará cos membros da Ukestra do Medio, unha orquestra de ukeleles que naceu en Santiago de Compostela en 2013 e que está a preparar novo disco. Ademais, durante o confinamento, están facendo sesións nas redes con este instrumento. Pola súa parte, a colaboradora Rosario Sarmiento, comisaria de arte, porá os oíntes ao día sobre a situación do sector.

Fuente Crtvg.es