#Desvestímonos, da CRTVG, explicará o traxe folclórico galego nas redes

0
14

Santiago de Compostela, 25.05.2021.- A CRTVG estreou unha nova sección nas súas redes sociais, #Desvestímonos, arredor dunha das tradicións máis ricas de Galicia: a dos seus traxes folclóricos, e na que a xornalista Xulia Lomba irá esmiuzando, con vídeos, fotos e imaxes de arquivo, de xornais antigos, e mesmo vestindo as pezas, a súa historia e curiosidades.

Nun novo espazo arredor do patrimonio e da cultura galegos, desta volta nas canles dixitais e nun formato ameno e breve, #Desvestímonos irá explicando cada mércores as distintas partes e pezas dos traxes, os que se usan segundo as distintas zonas de Galicia, e a súa evolución ao longo dos anos. Na entrega deste mércores, #Desvestímonos falará  dunha das pezas máis características do traxe folclórico galego: a saia vermella, longa e cun veludo na parte inferior; e afondará nas diferenzas que poden atoparse na súa forma. 

A CRTVG atende desde as súas canles, e mediante contidos informativos e de entretemento, diversos aspectos do patrimonio, material e inmaterial de Galicia, cunha oferta ampla e variada de espazos que combinan divulgación e promoción deste patrimonio. Algúns deles, cun perfil moi innovador e capaces de chegar a grandes públicos. Entre outros, o patrimonio é protagonista de programas como ‘Os castros de Galicia’, ‘Descubrindo a catedral’, ‘Desmontando Galicia’, ‘Un país en 360’ ou o recente ‘Vou que teño que ir’. E actualmente atópase en fase de gravación o novo espazo ‘A Galicia dos castelos’.

Fuente Crtvg.es