#DígochoEu fai 1 ano de éxitos con milleiros de seguidores mozos nas redes sociais

0
12

Santiago, 01.01.2021.- O proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua #DígochoEu fai un ano de vida este 1 de xaneiro. Cun formato extremadamente divertido e dinámico, a xornalista Esther Estévez invita a falar mellor en galego nun vídeo que propón unha palabra incorrecta, de uso común, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións.

#DígochoEu naceu dentro da web dos servizos informativos, onde enseguida se situou como un dos contidos máis visualizados cada semana. Da web deu o salto á pantalla dos telexornais e este outono chegou a TikTok, onde pode verse unha morea de contidos extra. En tan só catro meses en TikTok, #Digochoeu chegou aos 35.000 seguidores de dentro de fóra de Galicia. Nesta rede, os vídeos van camiño do medio millón de ‘gústame’ e, en total, os vídeos co cancelo #DígochoEu aproxímanse aos 5 millóns de visualizacións. Actualmente, #DígochoEu pode verse na web crtvg.gal, en g24.gal, así como nas contas de Instagram (@g24noticias), Twitter (@g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG.

Dirixido polo xornalista Carlos F. Amado, #DígochoEu está presentado pola tamén xornalista Esther Estévez, coa revisión do servizo de asesoramento lingüístico da CRTVG da man de Rocío Pérez. As entregas tratan de seguir o fío da actualidade e mesmo seguindo as suxestións que se reciben na interacción coa audiencia, prestando tamén atención aos posibles apuntamentos lusófonos das palabras no compromiso da CRTVG co desenvolvemento da chamada Lei Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

 

Contidos máis vistos

O capítulo ‘Quítalle o acento ao cu’ foi o contido máis visto na web, mentres que o capítulo máis visto en Youtube foi ‘Aprende en 1 minuto a colocar pronomes’; e o vídeo con máis visualizacións en TikTok é ‘En galego rímonos con h’, con 356.000 reproducións. Algúns dos vídeos ofrécense nos telexornais e tamén hai dispoñibles GIF de #DígochoEu para compartir estes consellos nas redes.

Os principais programas de información e entretemento da TVG convidaron a Esther Estévez a compartir o #DigochoEu coas súas audiencias, nunha acción transversal da CRTVG por promover un espazo que naceu para espallar a corrección do uso da lingua dun xeito informal e moi cercano ao espectador.

Fóra da pantalla, a complicidade de moitos centros escolares e docentes de galego fixo posible que o espazo chegase aos máis pequenos no eido educativo. De feito, o equipo do proxecto visitou dous centros escolares, en Verín (Ourense) e Mos (Pontevedra).

#DígochoEu súmase a outros proxectos da Corporación para promover a lingua galega. Entre eles, #InstaGal, que fora galardoado no 2019 nos Premios Paraugas de Comunicación e Márketing de Galicia como Mellor Proxecto de Social Media. Coa mesma intención divulgadora dos usos da lingua, a Radio Galega conta cada sábado coa sección ‘Apalabradas’ no magazine ‘Galicia por diante fin de semana’. Neste outono, o equipo de #DígochoEu foi tamén convidado a participar en LGx15, o evento para a difusión de ideas para o futuro da lingua, con charlas e exposicións de experiencias que organiza a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua.

Fuente Crtvg.es