#DígochoEu, o espazo da lingua nas redes da CRTVG, chega a TikTok

0
10

Creado o 1 de xaneiro, este proxecto didáctico propón cada día unha expresión ou unha palabra incorrecta e as súas alternativas en galego

Seguido moi especialmente pola xente nova, chega tamén a esta rede social na conta @digochoeu

#DígochoEu, o espazo da lingua nas redes da CRTVG, chega a TikTok

Santiago, 23.09.2020.-    O proxecto educativo #DígochoEu, posto en marcha pola CRTVGna súa web e nas redes sociais en xaneiro, chegou esta semana á rede social TikTok. Cun formato moi ameno, a CRTVG publica cada día un vídeo en g24.gal, de só 1 minuto de duración, cunha palabra incorrecta de uso común, para logo ofrecer sinónimos e consellos para darlles unha reviravolta a esas expresións e achegando tamén o que se chama o ‘apuntamento lusófono’.

Este espazo, impulsado desde a área de Informativos da TVG e presentado pola xornalista Esther Estévez, chegou esta semana a unha das redes sociais que máis se puxeron de moda nestes meses de confinamento e que xa era unha das máis consumidas polos máis novos. Na conta (@digochoeu) pode verse unha morea de contidos extra e xa acadou máis de 30.000 reproducións nalgún dos vídeos subidos estes días.

#DígochoEu tamén se difunde polas redes sociais de @g24noticias e na canle de Youtube da TVG. Para expandir o seu alcance, algúns dos vídeos ofrécense nos telexornais da Televisión de Galicia e tamén hai dispoñibles GIF de #DígochoEu para compartir estes consellos nas redes.

Fuente Crtvg.es