Diversión e premios coa estrea de ‘Imos de Feira’, que coñecerá os mercados ambulantes galegos máis destacados

0
5

Santiago, 11.01.2020.-  Televisión de Galicia proponlles aos espectadores que desde este sábado á tarde acompañen a Javier Varela e Rafa Durán no seu percorrido polos mercados ambulantes galegos máis destacados. Amais de entretemento e de descubrir numerosas anécdotas sobre a vida dos feirantes, ‘Imos de Feira’ (18.55 h) promete diversión e premios en cada edición para os asistentes.  

En ‘Imos de Feira’ os dous presentadores asistirán a vilas de Galicia nos días de feira. Desde ben cedo, verase como se montan os expositores, coñeceranse os feirantes, os negocios e os veciños de cada vila, que teñen moitas historias e chanzas que contar. Pero a cousa non quedará aí, xa que os dous presentadores deberán buscar en cada vila dous aspirantes a concursantes, que loiten por conseguir neste día de feira ata trescentos euros!

Na súa estrea, ‘Imos de Feira’ viaxa ata Carballo. A vila, cruzada polo río Anllóns, é unha forte capital de comarca de Bergantiños, pola que pasan veciños de todos os lugares. Cada xoves celebra unha feira pequena, e a feira grande é o segundo, cuarto e quinto domingo de mes. Coma sempre, a localidade está a piques de encherse de feirantes e compradores dispostos a aproveitar o día.

Rafa Durán e Javier Varela visitarán os postos ambulantes e os negocios da zona, para escoller catro lugares en que deixar os sobres do programa. Despois, percorrerán Carballo para atopar os aspirantes a concursantes que loiten por conseguir, neste día de feira, o premio do programa. Quen gañará? cantos cartiños levará? e onde poderá gastalos?, son algunhas das preguntas que terán resposta hoxe no primeiro programa.

Fuente Crtvg.es