Documentais, entrevistas, cinema galego e música para celebrar o Día das Letras arredor de Florencio Delgado Gurriarán

0
17

Santiago, 12.05.2022.-    A CRTVG desenvolverá unha cobertura global sobre a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e ofrecerá contidos especiais en todas as canles, así como a emisión na mañá do 17 de maio do pleno da Real Academia Galega desde Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), na web g24.gal.

A Televisión de Galicia inaugurou o 1 de maio o mes das Letras coa emisión diaria das micropezas ‘Polos vieiros de Florencio’, contido cedido pola RAG en que diferentes persoeiros da cultura reflexionan sobre a traxectoria e a obra de Delgado Gurriarán. E durante os vindeiros días, a Galega vai ofrecer programas especiais, documentais, cinema galego ou a ‘Tanxuverbena’ como principais propostas dunha programación que tamén emitirá o ‘Concerto das Letras’, organizado polo Consello da Cultura Galega.

Xa para o domingo 15, o programa ‘Vivir Aquí’ prepara o especial ‘O galego está de moda’, en que se abordará esta festa das Letras Galegas atendendo á actualidade da nosa lingua e ao viva que está na sociedade, mesmo mais alá das nosas fronteiras. O cinema galego tamén será protagonista nesta celebración coa estrea na TVG, o luns 16 de maio (23.00 h.), da comedia de enredo ‘Cuñados’, ópera prima do ourensán Toño López, e protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez.

O propio 17 de maio, ademais da cobertura informativa do Día das Letras, ofrecerase ao mediodía ‘Hashtag Gurriarán’, un documental que reivindica esta figura discreta da cultura galega a través da investigación, a escritura e o xornalismo e que amosa como un grupo de rapazas e rapaces galegos poñen en valor a Gurriarán na contorna dixital. Na sobremesa emitirase, pola primeira canle, un Especial Letras de ‘Zigzag’ que afondará na vida e obra de Delgado Gurriarán.

E esa noite, no prime time, a Galega convidará os espectadores á ‘Tanxuverbena’, un evento musical artellado arredor das Tanxugueiras, formación que puxo en valor e tamén de moda a lingua e a tradición galegas. A esta festa están convidados músicos como Andrés Suárez, Rozalén, Boyanka Kostova, Grande Amore, Xoana, Familia Caamagno e La Quinkillada. Poñendo orde no evento estará a comunicadora do momento, Esther Estévez, presentadora do espazo da CRTVG sobre a lingua #DígochoEu.

Documentais cada día da semana e máis cine galego na G2

Na G2 tamén haberá unha ampla proposta de contidos relacionados con Florencio Delgado Gurriarán. O luns 16 emitirase o documental ‘A Casa da Palabra’, que fai un percorrido histórico polos avatares da RAG. O martes 17 ofrecerase o ‘Concerto das Letras’, organizado polo Consello da Cultura Galega, que se celebra no Barco de Valdeorras e que se formula como un punto de encontro entre a música e a poesía, entre México e Galicia e entre Florencio e un dos poetas da súa xeración que máis o inspiraron: o hilozoísta Amado Carballo.

Ao día seguinte, en ‘A Noite de Florencio’, os espectadores poderán ver os cinco capítulos da web serie documental ‘Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda’, realizada pola RAG, que pretende achegarlle ao público a traxectoria literaria e de activismo cultural no exilio do autor. A proposta para o 19 de maio é ‘Aquel sol do verán’, unha longametraxe documental sobre o lado máis humano do escritor, político, ensaísta, director cultural e xornalista Carlos Casares. Para rematar a semana das Letras Galegas, o venres, no programa ‘Clac’, proxectarase ‘O lapis do carpinteiro’, unha película de Antón Reixa realizada sobre a obra homónima de Manuel Rivas.

Novo podcast na Radio Galega

Na Radio Galega, o ‘Galicia por Diante’ do día 17 será monográfico desde Córgomo, a vila natal de Delgado Gurriarán, e pola tarde emitirase, de 19.00 a 20.00 h, o programa especial ‘A viaxe de Florencio Delgado Gurriarán’, que analizará a súa vida e obra. Ademais, ao longo da semana das Letras Galegas, a emisora pública contará con entrevistas en profundidade arredor do escritor con especialistas, editores e persoas que o trataron, así como coa emisión de fragmentos de voz do autor, recuperados do Arquivo Sonoro da RG, e de poemas seus na voz de locutores/as da RG.

Así mesmo, a Radio Galega estreará o podcast ‘Florencio: o poeta de Valdeorras’, realizado por Lucía Junquera e Silvia López; colaborará no IV Concurso de Podcast Radio na Biblio, emitindo o 17 de maio e os días posteriores os oito podcasts gañadores, e a web diariocultural.gal contará cunha páxina específica das Letras Galegas que acubillará entrevistas, reportaxes e programas monográficos.

No eido dixital, a web da CRTVG dedicaralle unha páxina ao autor e tamén lle dará  difusión á webserie ‘Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda’. E as redes sociais corporativas e dos distintos espazos difundirán todos os contidos de televisión e radio, así como pezas de produción propia adaptadas ao linguaxe nas redes. No eido da Responsabilidade Social Corporativa dos medios públicos, produciranse unhas cortinas divulgativas para a súa emisión na TVG e porase en marcha unha web específica para recompilar as emisións nas distintas canles e das accións nas redes sociais.

Fuente Crtvg.es