Emoción e moito amor agardan a audiencia da Galega coa estrea esta noite de ’48 horas para o si’

0
23

Santiago, 16.11.2021.- Esta noite chega á Televisión de Galicia ’48 horas para o si’ (23.05 h), unha divertida proposta de entretemento, que fará as delicias dos espectadores e, sobre todo, do público máis romántico. A diferenza doutros programas de amor e enlaces, nesta estrea, un dos membros da parella xogará o todo polo todo, xa que deberá preparar en 48 horas unha petición de man e unha voda sorpresa. Pero para chegar a isto, un deles deberá conseguir o ansiado ‘si, quero’. Emoción, amor, nervios, sorpresas e divertimento son os ingredientes principais deste novo formato, que a audiencia poderá vivir cada martes á noite na Galega.

Neste novo espazo de telerrealidade, presentado pola coñecida actriz Iolanda Muíños, haberá un ‘verdugo’, que é a persoa que solicita estar no programa e quere dar o paso de casar, e unha ‘vítima’, a súa parella, que participa totalmente enganada. O culpable ou verdugo vivirá estes dous días nunha autocaravana, onde, co apoio dun ‘cómplice’, un amigo ou membro da familia, deberá levar a cabo todos os preparativos da voda. Durante estas corenta e oito horas, os culpables deberán conseguir a voda perfecta e que a outra persoa lle dea o si. Mentres tanto, a vítima estará enganada pensando que vai participar nun programa de televisión para coñecer mellor a súa parella. E durante este proceso, a audiencia coñecerá tamén as familias de ambos e gozará dos momentos previos ao posible compromiso.

En cada unha das entregas coñeceranse parellas do máis variado, que engancharán os espectadores coas súas curiosas historias. E delas, algunhas darán o paso máis importante das súas vidas nunha fermosa localización galega, como é o Pazo Baión.

Sara e Santi, os protagonistas desta noite

A verdugo da historia desta noite é Sara, unha muller brava e combativa de 23 anos, que porá toda a súa relación en xogo para prepararlle en 48 horas unha petición de man e unha voda sorpresa a Santi. Pola súa parte, Santi é un rapaz de 31 anos que, malia aos choques de caracteres, admite non poder vivir sen a súa moza. Co apoio da súa nai, Sara está disposta a xogar toda a relación polo si. É tan competitiva que non quere que a súa parella se lle adiante nin nos preparativos nin na petición de man.

Conseguirá Sara o ansiado ‘si, quero’ ou non? En caso contrario de non conseguilo, será un auténtico pau… Todo este cóctel explosivo de emocións e risas agárdalle á parella protagonista e á audiencia da TVG, desde esta noite, cada martes, en horario de máxima audiencia.

Fuente Crtvg.es