Enfrontamento entre os pementos da Arnoia e Herbón no Vaia Troula deste mércores

0
40

Santiago.-09.08.2023.- Este mércores pola noite o espazo ‘Vaia troula’ ofrece unha gran batalla entre o pemento de Herbón e o pemento da Arnoia. E ademais, as reporteiras do programa pasarán polas mellores celebracións dos últimos días. Entre moitas outras estarán na Romaría Vikinga de Catoira, as festas de Muíños e a Festa do Albariño de Cambados.

A presentadora do espazo máis festeiro da Televisión de Galicia, Noelia Rey, visitará A Arnoia, en Ourense, para saborear os seus pementos: haberá pementos fritos, tortilla de pementos e ata xeado de pementos. E Belén Vara estará na parroquia de Herbón, en Padrón, para participar nunha festa do pemento con desfile de tractores, moita música e os famosos pementos de Herbón.

Tamén haberá tempo para divertirse nas mellores festas destes días. Así que Amanda Fernández viaxará ao concello de Muíños (Ourense) para compartir con todos os veciños o seu día da Festa das Sopas de Burro Canso e Galo Pica no Chan. Por outra banda, Adela Bértolo será unha máis na espectacular Romaría Vikinga de Catoira, declarada de Interese Turístico Internacional. E Noelia Salgado pasará unha xornada de risas e «glamour» na divertida Festa Hortera de Porto do Son, que este ano está dedicada a Tina Turner.

As cámaras do ‘Vaia troula’ tamén estarán presentes nas Festas do Carme de Lorbé, na Coruña, na exaltación do Albariño de Cambados e na celebración de San Isidro de Quintáns, en Muxía. E todo rematará coas puntuacións finais, coas que descubriremos o gañador da gran batalla. Herbón ou A Arnoia? Cal será o pemento preferido polos galegos? Descubrirémolo este mércores no ‘Vaia troula’.

Fuente Crtvg.es