Entre os días 24 e 25 de xullo case 900.000 galegos conectaron coa Televisión de Galicia

0
6

Santiago, 27.07.2020.-    A programación especial da TVG dos días 24 e o 25 de xullo con motivo dos Fogos do Apóstolo e do día grande de Galicia obtivo un grande éxito de audiencia, converténdoa na canle favorita dos espectadores para entreterse e informarse nestas dúas xornadas. Entre o venres 24 e sábado 25 case 900.000 galegos, o 34% da poboación de 4 e máis anos, conectaron coa canle pública.                                           

Así, o venres pola noite, a retransmisión dos ‘Fogos do Apóstolo’ foi a emisión máis vista en Galicia, cunha cota de pantalla do 14,62%. En total, 371.000 telespectadores conectaron con este programa especial, presentado por Cristina García e Alba Mancebo, que superou en 28.000 contactos o seguinte programa (‘La Última Cena’, de Tele 5).

Horas antes, o ‘Telexornal Mediodía’ desa xornada fora a emisión máis vista da programación e o informativo máis seguido do día en Galicia, cunha cota do 19,6%. No conxunto do día, a canle pública galega acadou un 10,4% de cota, que ascendou no prime time ao 12,6%.

Na xornada seguinte, sábado 25 de xullo, a TVG foi líder no prime time, cun 17,3% de cota, e superou en 5,2 puntos o seguinte competidor (Tele 5, cun 12,1%). Ningunha outra canle, ademais de TVG e Tele 5, superou a barreira do 10% nesta faixa. No conxunto da xornada, a media da canle foi dun 12,4% e quedou a 4 décimas do liderado. No total do día, unicamente tres canles lograron superar a cota do 8%.
    
Nesa noite, a ‘Gala do 25 de Xullo’ contou cunha audiencia media de 110.000 espectadores e unha cota de pantalla do 18%. O espazo, presentado por Xosé Ramón Gayoso e Xosé Manuel Piñeiro, rendeulles unha grande homenaxe aos traballadores de servizos esenciais durante o confinamento e contou coas actuacións de Luz, Carlos Núñez, Triángulo de Amor Bizarro, Lucía Pérez, Uxía, Xil Ríos e as orquestras Panorama e Olympus, entre outros artistas. O programa alcanzou unha audiencia total de 350.000 galegos ao longo da súa emisión e marcou o ‘minuto de ouro’ en Galicia, o máis visto de todas as canles ao longo de todo o día, cando ás 22.24 h. concentrou 168.000 espectadores. Ao longo da emisión acadou en varias ocasións cotas de pantalla superiores ao 25%.

O ámbito dixital da CRTVG tamén incrementou a súa presenza con respecto a edicións anteriores. A páxina web crtvg.gal aumentou un 21% o seu número de visitas e o streaming acadou un 33% máis de espectadores ca en 2019.

Fuente Crtvg.es