Entretemento para toda a familia no Nadal da CRTVG

0
27

Santiago, 17.12.2021.-    Baixo o slogan ‘Gústame todo de ti’, arranca a programación de Nadal da CRTVG, que nestas datas buscará precisamente iso: que aos espectadores lles guste todo das súas propostas de lecer e entretemento para todos os públicos. Esta mesma fin de semana, os presentadores máis coñecidos da canle pública galega dan a benvida ao Nadal coa estrea dun vídeo musical, o sábado, que poderá verse tamén nas canles dixitais.
    
Unha das transmisións máis agardadas é a do ‘Sorteo da Lotaría de Nadal’ o 22 de decembro, cun programa especial presentado por Loly Gómez e Carlos Amado, que realizará un amplo despregamento por toda Galicia na busca de posibles agraciados. Xa o venres 24, a Noiteboa da Galega será a máis falcatrueira, con Roberto Vilar acompañado da tropa do ‘Land Rober Tunai Show’ nunha edición especial do programa, que, por unha vez, intercambia o día de emisión co ‘Luar’, que se emitirá a véspera, o xoves 23 de decembro. E ao día seguinte, na noite do 25, ofrecerase un especial de ‘Bamboleo’, con actuacións musicais, bailes en directo, os xogos máis divertidos e moito humor.

Ese mesmo día de Nadal, tras a parada pola pandemia, volve á TVG Treixadura, un dos grupos que máis festa reparten coa súa música e que será protagonista dun ‘Grandes Cachadas’. Ao longo das festas, o espazo presentado por Esther Estévez ofrecerá outros especiais, dedicados aos momentos máis sorprendentes dos famosos galegos, ao éxito do informativo ‘Galicia Noticias’ e a Gayoso e a Piñeiro, que se enfrontarán nunha rifada batalla para decidir cal dos dous é o mellor presentador da Televisión de Galicia. Non faltará tampouco o día 25 unha edición de Nadal do programa ‘Que Casas!’, que amosará como viven e decoran os galegos os seus fogares durante estas datas.

Pero, sen dúbida, unha das emisións máis especiais terá lugar o 26 de decembro, cando os mellores cantantes das orquestras galegas acompañarán a Juan Pardo no seu regreso á TVG polo Nadal. Os espectadores reencontraranse cun dos seus artistas máis queridos nun programa especial que presentarán Arturo Fernández e Alba Mancebo.

A produción propia da TVG porase tamén en valor coa emisión de varios ‘Eventos G’, que achegarán os segredos xamais contados da orquestra Los Satélites, contarán moitas historias agochadas detrás da pandeireta e amosarán a ledicia das festas tradicionais galegas. Outra agradable sorpresa serán as edicións de Nadal de ‘Atrápame se podes’, o concurso presentado por Paco Lodeiro, en que concursarán persoas famosas e en que o bote en xogo se destinará a distintas asociacións benéficas.

A programación infantil non para en Nadal e, ademais, os pequenos da casa terán unha cita, en directo, á hora da merenda cos populares Bolechas, cada día, na canle YouTube da TVG. Así mesmo, a web crtvg.gal e a App do Xabarín amplían a oferta infantil,  a partir do luns 20, con 10 títulos de animación e preto de 700 episodios de entretemento. Tamén se estreará, o 26 de decembro, o documental ‘Meniños Cantores’, un proxecto realizado por 17 centros educativos galegos e portugueses ao longo da fronteira, desde Chaves a Caminha e desde Verín á Guarda. E durante este Nadal tamén se poderán ver na G2 novos programas do espazo de divulgación científica ‘Aquelando’.
 
Fin de Ano e Reis Magos

Este 31 de decembro toca bailar na TVG, cuxa ‘Gala de Fin de Ano’ será unha gran verbena na compaña das mellores orquestras galegas e de artistas como Soraya, Ricky Merino e Heredeiros da Crus. Xosé Ramón Gayoso, Trisha Fernández, Esther Estévez e Eduardo Herrero acompañarán a audiencia no último día do ano e á medianoite conectarán coa praza do Obradoiro, desde onde a medallista olímpica Teresa Portela e os presentadores do ‘Malicia Noticias’ Arturo Fernández e Noelia Rey retransmitirán as badaladas.

Na tarde do 5 de xaneiro, a canle autonómica manterá a tradición de ofrecer en directo as cabalgatas de Reis. Estableceranse conexións coas principais cidades e vilas do país para seguir os seus desfiles, adaptados ás circunstancias sanitarias, cos que comeza a noite máis máxica do ano.

Pola noite, ofrecerase o especial ‘O tren que me leva’, unha coprodución que se emitirá simultaneamente coa televisión autonómica asturiana e, que por primeira vez na historia da TVG, terá como escenario un tren en marcha. A bordo do Costa Verde, realizarase o percorrido Xixón-Ferrol, coas actuacións de artistas como Lucía Pérez e Luz Casal e con reportaxes sobre os sitios máis destacados desta ruta. O colofón ás festas de Nadal porao o día de Reis ‘A Liga das Familias Extraordinarias’, unha gala, presentada por Paco Lodeiro, en que oito dos cantantes que participaron durante o verán no concurso para atopar o mellor intérprete das orquestras galegas, actuarán coas súas familias.

Especiais musicais e de humor na Radio Galega

A Radio Galega tamén lles ten preparada ao seus oíntes unha oferta especial para este Nadal. De luns a venres, de 00.00 a 01.00 h, emitiranse novas entregas de ‘Como que non?’, programa de humor e variedades presentado por Carlos Tresandí, do que tamén se ofrecerá unha edición especial o día 31. Ademais, poranse en antena especiais musicais de ‘Estudio 3’ de luns a xoves ás 22.00 h.

Na tarde do 24 de decembro, os oíntes da RG gozarán do especial ‘Feliz Noiteboa’, de 16.00 a 20.00 h, na compaña de Xosé Manuel Piñeiro. E, ao día seguinte, Moncho Lemos conducirá, de 21.15 a 01.00 h, o programa ‘Bo Nadal!’. O 26 de decembro, a audiencia ten unha cita con ‘A Radio Conta’, unha iniciativa solidaria das emisoras de radio da cidade da Coruña. O día de Noitevella, emitirase en simultáneo a Gala de Fin de Ano e as Badaladas da TVG e o 5 de xaneiro, como non podía ser doutro xeito, as protagonistas serán as cabalgatas de Reis, nunha edición especial do programa ‘A Tarde’. Ademais, nin o 24 nin o 31 de decembro descansa o programa ‘Pensando en Ti’, que seguirá acompañando en directo os oíntes galegos nas dúas madrugadas máis sinaladas das festas de Nadal.

Fuente Crtvg.es