Especial de ‘A Tarde’ da RG, en directo desde Ourense, na xornada inaugural do exclusivo salón Xantar

0
8

Santiago, 05.02.2020.-  O equipo do magazine ‘A Tarde’ da Radio Galega sae esta xornada dos estudios da emisora pública para ofrecer un especial desde Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que hoxe abre as súas portas en Ourense ata o próximo domingo, con preto de 300 expositores e 9 países representados. Desde as 16.00 h e ao longo de tres horas en directo, Antón Rebollido trasladaralles aos oíntes todo canto aconteza no recinto Expourense, así como o completo programa de actividades e a ampla oferta de restauración, que nesta 21 edición está centrada na promoción da gastronomía e o viño como dinamizadores do contorno rural.

No set que o espazo ‘A Tarde’ disporá en Xantar contarase coa presenza de Luis Pedro Martins, presidente de Turismo Porto e Norte de Portugal, quen falará, entre outras cuestións, da presentación que esta tarde se vai facer do Wine Music Valley, un festival de enoloxía, gastronomía e música que se desenvolve no norte de Portugal. Tamén se conversará do país veciño con Fernando Correia, representante da Cámara Municipal de Setúbal.

Para falar de viño, o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, avanzará a destacada participación que terá a denominación nesta cita, con 36 viños e un total de 19 bodegas presentes. Polos micros do espazo radiofónico pasará tamén Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, xa que nesta edición terá un peso destacado a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco.  

Juan Ramón Justo Feijoó, presidente da Federación de Razas Autóctonas de Galicia, exporá as actividades que encabezarán nesta edición, como cociña en vivo e dous obradoiros. Pola súa parte, Raquel Rodríguez, responsable de Faba Loba, avanzará a presentación que se vai levar a cabo en Xantar desta empresa integrada por 22 produtores de faba da Veiga.

Xantar volverá ser o escenario escollido pola asociación Cociña Ourense para realizar demostracións de cociña en directo. O seu presidente Miguel González contará as actividades e obradoiros en que participará dentro do 15 Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible. O chef Antonio Méndez achegará, amais, o seu papel nesta edición.

Os convidados deste especial de ‘A Tarde’ complétanse coas intervencións de Flora Moure, concelleira de Turismo e Termalismo de Ourense; de Jorge Pumar, vicepresidente executivo de Expourense e tenente alcalde de Ourense, e de Rosendo Fernández, presidente do Inorde.

Fuente Crtvg.es