Especial do ‘Diario Cultural’ este venres, en directo, desde o Resurrectión Fest

0
8

Santiago, 30.06.2022.-  O ‘Diario cultural’ da Radio Galega abandona o estudio de San Marcos mañá venres, ás 14.30 horas, para facer partícipes os oíntes da emoción, o ambiente e a oferta musical que se está vivindo durante estes cinco días no Resurrection Fest en Viveiro. O consolidado festival internacional volve á normalidade tras a pandemia, sumando un día máis de concertos, coa presenza de máis de 120 bandas e a afluencia duns 140.000 amantes do punk-rock, o hardcore e o metal, procedentes de 48 países.

No estudio móbil da Radio Galega, instalado no recinto do certame, Vituco Neira, presentador do ‘Diario cultural’ e cantante de Ruxe Ruxe, grupo de rock galego que actuará este domingo no Resurrection, recibirá unha representación da ducia de bandas galegas que tocan na presente edición. Deste xeito, polos micros do espazo cultural pasarán os músicos de Aphonnic, Machina e Golpe radikal, grupo que se despedirá da súa afección ao ofrecer este domingo o seu derradeiro concerto.

Nesta emisión especial do ‘Diario cultural’ falarase tamén con Esteban Girón, responsable da Comunicación do festival, e con Mario César Vila, arqueólogo, colaborador do ‘Diario cultural’ e un amante do metal e asiduo ao festival. E por suposto, no programa darase conta das actuacións do destacado elenco internacional, en que sobresaen artistas da consideración de Deftones, Sepultura, Opeth, Judas Priest ou Rise Against, entre outros moitos.

Fuente Crtvg.es