Esta noite, en ‘Saudade de ti’, David e Belén prepáranse para abandonar Abrente, pero antes el debe facerse cos cartos da caixa forte da empresa

0
35

Santiago, 31.07.2023.-    No primeiro capítulo deste luns de ‘Saudade de ti’ (22:20 h), David e Belén prepáranse para abandonar Abrente. Xa non hai volta atrás, pero antes de fuxir deben deixar atados algúns cabos soltos. Por iso David está forzando a situación na empresa e pretende obrigar a Mónica a que colla a baixa, aínda que ela non queira. Pola súa parte, Belén ten que disimular diante de Teresa, que xusto agora parece encontrar nela a amiga que precisaba.

Quen tamén necesita un amigo é Celia, porque deixar a medicación non lle está sendo fácil. A Santi tampouco lle resulta sinxelo que a súa relación coa doutora non traspase os límites da amizade e parece que quere algo máis.

Pola súa parte, Mauri está feliz de ser o terceiro home máis vello de Abrente, pero ten un novo obxectivo: conseguir que Celia e Mónica volvan ser amigas.

A continuación, na segunda entrega de hoxe, os espectadores verán como, con Mónica de baixa, David pode conseguir as gravacións das cámaras de seguridade de Porto de Abrente, en que aparecen as imaxes da agresión a Garay. Con todo, para el é moito máis importante facerse cos cartos da caixa forte da empresa.

Mentres, Gaspar pon nas mans dun profesional a investigación sobre o pasado de David e da súa nai. Agora que coñece a súa forma de actuar, só ten unha dúbida: por que non os denunciou ninguén antes?

Teresa tamén sospeita de Belén, pero os seus temores van por outro lado. Ela pensa, de forma equivocada, que entre o seu home e ela pode haber algo máis que amizade. E Elba debátese entre quedar en Abrente ou ir detrás de David e así continuar coa súa relación amorosa.

Fuente Crtvg.es