Este mércores, fútbol en radiogalega.gal

0
26

Santiago, 09.02.2021.- A Radio Galega ofrece este mércores a través da páxina web radiogalega.gal, aplicacións para o móbil e a conta de Twitter @galiciangoles varios partidos dos campionatos de fútbol. Desde as catro e vintecinco da tarde, Paco Santos dirixe as retransmisións do Pontevedra-Guijuelo, Arenteiro-Arousa e Deportivo da Coruña-Eibar.

O Pontevedra disputa en Pasarón o partido que fora adiado no seu día por casos de covid no Guijuelo e faino coa estrea de Luisito no banco granate. Dáse a circunstancia de que tamén o rival conta cun novo preparador despois da destitución dos galegos Xacobe e Marcos Montes.

Na Terceira, Arenteiro e Arousa actualizan tamén o calendario co primeiro posto do subgrupo 1B en xogo. Os dous conxuntos están separados por tan só tres puntos na clasificación.

Ademais, a tarde presenta o encontro da Primeira División feminina entre o Deportivo da Coruña e o Eibar. Tras gañar en Badajoz, o equipo herculino reforzou as opcións de permanencia e para escapar do último posto necesita os puntos desta xornada.

A emisión desta edición especial de ‘Galicia en Goles’ na web da Radio Galega prolongarase ata as sete da tarde. A partir das oito e media, xa na FM dentro de ‘A Crónica dos Deportes’, a audiencia poderá escoitar aos protagonistas, ademais de seguir os outros encontros do día: Paiosaco-Fabril, Fisterra-Somozas e Guardés-Zuazo.

Fuente Crtvg.es