Este sábado chega á TVG ‘Sen Fronteiras’, un novo formato de entretemento coproducido coa televisión pública portuguesa

0
20

Santiago, 10.02.2021.-    As televisións públicas galega e portuguesa seguen a estreitar lazos e este sábado chega á programación da TVG a súa última colaboración coa Rádio e Televisão de Portugal (RTP): ‘Sen Fronteiras’, un espazo televisivo para coñecerse mellor e que descubrirá semana a semana o parecidos que somos a ambos os dous lados da raia.

En ‘Sen Fronteiras’, que se emitirá arredor das 20.30 h, os televidentes descubrirán diferentes lugares galegos e portugueses co mesmo topónimo. O galego Javier Varela e a portuguesa Beatriz Gosta farán de guías e viaxarán a estas vilas para comprobar se estes topónimos teñen a mesma orixe. Así, por exemplo, Beatriz estará en Ribeira e Javier en Ribeira da Pena e, nas seguintes semanas, na Pontenova e Ponte da Lima, en Vimianzo e Vimoso, en Baiona e Baiâo e na Pobra do Brollón e Póvoa do Varzim, entre outros moitos lugares.

Os presentadores tamén coñecerán as súas tradicións, a súa cultura, a súa gastronomía, as súas festas e as súas xentes. Ambos os dous descubrirán as vilas en primeira persoa e contarán o que máis lles sorprende e lles gusta de cada lugar. ‘Sen Fronteiras’, que tamén será emitido na RTP1, está producido pola galega M International Audiovisual e a produtora portuguesa SPI, froito das relacións xurdidas no V Foro de Coprodução Galicia-Portugal, encontro audiovisual galaico-portugués celebrado a finais de 2019 en Arnoia (Ourense) impulsado por Agadic e o ICA portugués.

Intensa relación co audiovisual portugués

A CRTVG mantén unha intensa relación de colaboración coa Radio Televisión Portuguesa (RTP), en que se enmarcan diversos desenvolvementos entre Galicia e Portugal dos que nos últimos anos resultaron coproducións e programas conxuntos con moi boa acollida nos dous países. Entre os máis recentes, programas conxuntos como ‘Aquí Portugal’ ou series como ‘Auga Seca’, da que actualmente se está a gravar a segunda temporada entre Vigo e Lisboa, despois do éxito da primeira nas dúas canles. Outro proxecto de ficción de marcado carácter transfronteirizo foi a serie xuvenil emitida en 2019, ‘Verão M’, que fora rodada entre o norte de Portugal e localizacións galegas e que acontece a ambos os dous lados da raia.

Fuente Crtvg.es