Fin de semana monográfica de fútbol nos medios públicos galegos

0
25

Santiago, 13.10.2023.-    O fútbol será o gran protagonista esta fin de semana nos medios públicos galegos, que comezarán as retransmisións o sábado ás 17:00 h co partido de Primeira RFEF R. C. Celta Fortuna-Real Unión Club. O equipo vigués reforzouse tras conseguir a vitoria ante o Deportivo en Riazor a fin de semana pasada e busca encadear por primeira vez esta temporada dous triunfos consecutivos. Pero non o terá nada fácil ante un Real Unión de Irún que leva un balance de cinco vitorias e dúas derrotas e que é segundo na clasificación.

Ás 18:00 h, os usuarios da web da CRTVG poderán ver o enfrontamento entre o Ourense C. F. e o Deportivo Fabril, correspondente á sétima xornada do Grupo I de Segunda Federación. O anfitrión viu como o líder rachaba a súa imbatibilidade e quere volver ao triunfo para manter o seu posto nunha zona de privilexio á que tamén quere acceder o Fabril.

A xornada do domingo comezará na G2 e en g24.gal ás 11:00 h con fútbol feminino, co partido Español-Deportivo Abanca, correspondente á quinta xornada na Primeira Federación Iberdrola. O encontro na Cidade Deportiva Dani Jarque porá en xogo o inmaculado camiño das coruñesas neste inicio ligueiro. Terán en fronte un dos equipos máis completos da categoría, que, como o conxunto azul e branco, está a deixar moi boas sensacións.

O deporte feminino continuará coa retransmisión do derbi galego de fútbol sala, que disputarán a partir das 13:00 h o Viaxes Amarelle e o Poio Pescamar. O pavillón Sagrada Familia acollerá un duelo moi disputado ao que o conxunto local chega tras unha derrota a xornada pasada, polo que buscará conseguir un resultado positivo. Pola súa parte, o Poio afronta este encontro tras dúas vitorias consecutivas.

Pola tarde, os espectadores poderán ver en directo, ás 16:00 h, o partido de Segunda RFEF S. D. Compostela-Rácing C. Vilalbés. Tras sumar 6 de 18 puntos posibles e estar cos mesmos que os equipos que ocupan postos de descenso, o Compostela afronta este domingo no Vero Boquete un partido transcendental, do que dependerá que o equipo e, sobre todo, o corpo técnico, gañen tempo e tranquilidade.

A fin de semana deportiva da segunda canle da Galega rematará con fútbol de Primeira Federación, co C. D. Lugo-S. D. Logroñés (18:00 h). Despois de acadar unha importante vitoria fóra da casa, o conxunto albivermello busca darlle continuidade no Anxo Carro ao bo traballo realizado ata o momento.

Fuente Crtvg.es