Finaliza en Camariñas a rodaxe de ‘Sica’, novo filme participado pola canle pública galega

0
19

Santiago, 12.01.2022.-  A rodaxe de ‘Sica’, nova longametraxe participada pola canle pública no marco das súas accións de apoio ao sector audiovisual, chega ao seu fin estes días na Costa da Morte. Este mércores tivo luar unha visita á rodaxe, no cemiterio dos Ingleses de Camariñas, á que asistiron Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG; Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua. Este filme supón a estrea na ficción da catalá Carla Subirana, directora e coguionista desta historia, cunha recoñecida traxectoria no ámbito do documental. ‘Sica’ gravouse ao longo do último mes en distintas localizacións da Costa da Morte, escenario con gran protagonismo neste drama con toques de intriga.

O relato desta coprodución, de Miramemira (‘O que arde’) e a catalá Alba Sotorra (finalista ao Premio Goya ao Mellor Documental), parte do drama dunhas adolescentes que perden os seus pais nunha traxedia no mar. Un proxecto que se axusta perfectamente ao selo dos produtores do filme ‘O que arde’, ben coñecedores do equilibrio entre a ficción fabulativa e o fondo documental.     

Con Nùria Prim e Thais García, rapaza debutante de 13 anos de Cabana de Bergantiños, como protagonistas, a película conta a historia de Sica, que agarda que o mar lle devolva o cadáver do seu pai pescador e que conta co único apoio dun rapaz da zona a quen chaman ‘O cazatormentas’. Nesta Costa da Morte, en que a natureza está revolucionada, Sica descubrirá que o seu pai e a comunidade onde viven, non son o que parecen. Esta coprodución catalá-galega rodouse en galego e inclúe na maioría do seu equipo artístico actrices e actores non profesionais da Costa da Morte. No elenco destacan, amais, os papeis de María Villaverde e Marco Antonio Florido.

Este novo proxecto, participado pola TVG, conta tamén co apoio do ICAA do Ministerio de Cultura, do ICEC da Generalitat de Cataluña, da Agadic e do programa Europa Creativa da Unión Europea.

Preséntase ‘Código emperador’, novo filme de Jorge Coira e Luís Tosar

Outra nova produción, ‘Código emperador’, ambicioso thriller que conta tamén co apoio da Televisión de Galicia, presentouse hoxe en Madrid. Baixo a dirección do recoñecido realizador galego Jorge Coira e co tamén premiado Luís Tosar como intérprete principal, ‘Código emperador’ reflicte a cara máis oculta do poder en España.

Ambientada nas altas esferas do poder e na espionaxe, ‘Código emperador’ está escrita co inconfundible estilo dun dos máis importantes guionistas do cine español, Jorge Guerricaechevarría (‘Cela 211’). Esta nova película de suspense, participada pola TVG e producida por Vaca Films e Proyecto Emperador AIE, bebe da realidade para somerxer os espectadores nos recunchos dun sistema en que as aparencias son enganosas, a mentira está á orde do día e a chantaxe é a mellor moeda de cambio.

Ao carón de Luís Tosar, cómpre salientar un elenco formado por Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Miguel Rellán, Laura Domínguez, María Botto, Arón Piper, Denís Gómez e Santi Prego, entre outros. Rodada en localizacións da Coruña, Bilbao, Madrid, Budapest e Cidade de Panamá, chegará ás salas de cinema o próximo mes de marzo, distribuída por A Contracorriente Films e, internacionalmente, vía Netflix.

Estréase o tráiler de ‘Operación Marea Negra’, nova serie da TVG para o outono

Amais, este mércores viu a luz o tráiler de ‘Operación Marea Negra’, nova serie para o próximo outono da Televisión de Galicia, que está inspirada na historia real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa en 2019, nas augas da ría de Aldán, con tres toneladas de cocaína no seu interior.

Amazon Exclusive lanzou hoxe o tráiler desta serie de catro capítulos, dirixida por Daniel Calparsoro e cun elenco encabezado por Álex González, Nerea Barros, Nuno Lopes, Miquel Ínsua, Luis Zahera, Xosé Barato, Carles Francino, Manuel Manquiña, Lúcia Moniz e Luís Esparteiro, entre outros.

‘Operación Marea Negra’, está producida por Ficción Producciones; as canles autonómicas CRTVG, CCMA, SAMC, EiTB MEDIA, TVPC, RTPA e IB3, lideradas pola TVG, e a portuguesa RTP, e conta co apoio da Agadic e PIC Portugal.

Na foto, pódese ver un momento da visita hoxe á rodaxe de ‘Sica’ (Fotografía de Mario Llorca).

Fuente Crtvg.es