FORTA adhírese ao manifesto pola igualdade #DóndeEstánEllas do Parlamento Europeo en España

0
0

Santiago, 08.06.2020.- A Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) firmou a súa adhesión ao manifesto do Parlamento Europeo en España co obxectivo de visibilizar a presenza de mulleres no espazo público. No caso de FORTA, o fin sería aumentar a participación de expertas en faladoiros e debates nos medios de comunicación pertencentes a esta federación. O manifesto tamén contempla realizar un reconto anual das mulleres participantes nestes eventos para ir mellorando as cifras de participación cada ano. 

A firma deste manifesto foi subscrita por Juande Mellado, presidente de FORTA, unha adhesión que, segundo as súas palabras, “supón un esforzo da firme aposta dos servizos audiovisuais públicos autonómicos por impulsar a igualdade e potenciar o papel da muller en todos os ámbitos”. 

Pola súa parte, María Andrés, directora da Oficina do Parlamento Europeo en España, destacou que “o maior teito de cristal hoxe en España e en Europa existe pola falta de mulleres referentes en moitos ámbitos da sociedade. Existen, pero fáltalles visibilidade. Cando as mozas acenden a súa canle de televisión autonómica teñen dereito a mirarse nun espello de igualdade, a escoitar opinións que as representen, a imaxinar que elas, un día, tamén poderán estar aí”. 

Máis participación, visibilidade, liderado e comunicación

O manifesto o que se unen os medios audiovisuais públicos autonómicos englobados en FORTA céntrase, fundamentalmente, en animar as mulleres -con especial fincapé nas novas e nas mulleres con algún tipo de discapacidade- a participar en debates e faladoiros nos medios de comunicación e en actos de comunicación. Entre os puntos incluídos no manifesto, tamén figura visibilizar o papel e a contribución das mulleres ao progreso da Unión Europea nos seus diferentes ámbitos.

O acordo busca evitar faladoiros e debates integrados unicamente por expertos masculinos e promover a igualdade de xénero mediante a participación e o liderado de mulleres en simposios, conferencias e debates, para que interveñan como oradoras e non se limiten ao papel de moderadoras ou presentadoras

O manifesto tamén contempla promover o apoio e a creación de redes para que as expertas de cada organismo participante poidan planear e desenvolver carreiras con maior visibilidade. Así mesmo, traballarase na comunicación institucional e dixital para poñer en valor o papel de mulleres expertas e animar outras entidades a unirse a esta iniciativa.  

Unha das grandes achegas de #DóndeEstánEllas é o compromiso que adquiren os asinantes de levar un reconto anual do número de expertas con discapacidade participantes nestes debates, así como o de paneis unicamente masculinos. A finais de ano, con todos ese datos, publícase unha porcentaxe global de participación de mulleres nos actos organizados polos membros de #DóndeEstánEllas. 

Desde a súa posta en marcha hai dous anos, o proxecto conta xa co apoio de máis de 120 asociacións, think tanks, universidades, colexios profesionais, fundacións, medios de comunicación, etc.

Fuente Crtvg.es