FORTA e RTVE asinan o «Convenio Compostela» pola innovación, estabilidade e futuro dos medios públicos

0
7

Santiago de Compostela, 19.07.2021.- FORTA e RTVE asinaron esta mañá un acordo histórico e inédito entre as dúas entidades para compartir coñecemento e maximizar os rendementos dos diferentes sistemas públicos de comunicación de cara ao futuro.

 José Manuel Pérez Tornero, presidente de RTVE, e Mar Iglesias, presidenta da FORTA, asinaron un convenio de colaboración, denominado “Convenio Compostela”, xa que a Cidade da Cultura da capital de Galicia foi o espazo elixido para selar a alianza, que tamén contou coa presenza do secretario xeral de FORTA, Enrique Laucirica, e o director xeral de CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.

Con este protocolo e grazas ao seu obxectivo común, FORTA e RTVE buscan reforzar o posicionamiento dos servizos audiovisuais públicos, no eido nacional, europeo e internacional, nun mercado cada vez máis global. Así, comprométense á colaboración no desenvolvemento de proxectos de produción audiovisual, en calquera formato, e na adquisición de contidos audiovisuais de interese común.

A busca constante da innovación por parte dos medios públicos é outra das partes máis relevantes deste acordo e prevese tamén o desenvolvemento de estratexias en materia tanto de innovación como de formación.

Tamén contempla o “Convenio Compostela” a posta en marcha de proxectos dixitais colaborativos coa aspiración de que os medios públicos sexan cada vez máis referentes para o conxunto do sector e dar así un mellor servizo á cidadanía.

O documento asume tamén a busca dun marco de financiamento e fiscalidade estable e eficaz, e o desenvolvemento de estratexias e políticas de gobernanza e comunicación.

En palabras de Mar Iglesias, “as radiotelevisións públicas son ferramentas de información de proximidade para os cidadáns e por iso son tan necesarias. Sen os servizos audiovisuais públicos autonómicos, moitos contidos importantes non terían a difusión necesaria a través da televisión, a radio e os medios dixitais das autonómicas que amosan, ademais a diversidade dos seus territorios cos seus contidos específicos. Durante a pandemia, este labor foi especialmente importante e a nosa tarefa continúa, con novos retos como a loita contra a desinformación ou o necesario apoio á industria audiovisual”. 

Pola súa parte, José Manuel Pérez Tornero salientou a importancia do convenio e subliñou que “xuntos somos máis fortes”. Ademais, incidiu en que o acordo foi asinado nas catro linguas cooficiais.

As televisións públicas españolas únense para poñer de relevo o seu labor como servizo esencial para o país: o seu principal obxectivo é a edición e difusión de programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, garantindo o acceso con vocación universal, sen discriminacións e en igualdade de oportunidades á información, a cultura, a educación e a un entretemento audiovisual de calidade. A través das súas programacións, perseguen promover o pluralismo, a participación e os demais valores constitucionais, garantindo o acceso dos grupos sociais e políticos significativos.

Na foto superior, Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG; José Manuel Pérez Tornero, presidente de RTVE; Mar Iglesias, presidenta da FORTA; e Enrique Laucirica, secretario xeral de FORTA

Fuente Crtvg.es