Fútbol de 2ª B e de Terceira, baloncesto, hóckey a patíns, balonmán e fútbol sala, na fin de semana deportiva da Radio Galega

0
3

Santiago, 04.02.2021.-    A Radio Galega ofrece este venres unha edición ampliada do programa ‘Galicia en Goles’. Desde as 18.55 h, a través da páxina web radiogalega.gal, Paco Santos conduce as retransmisións dos partidos Breogán-Melilla, da Liga LEB Ouro de baloncesto, e Liceo-Barcelona, da OK Liga de hóckey a patíns. A partir das 20.30 h, os dous encontros poderanse escoitar tamén a través da FM, nunha emisión que se prolongará ata a medianoite para analizar toda a xornada deportiva da fin de semana.

O sábado, desde as 15.00 h, a atención da xornada estará no fútbol de Segunda B co Pontevedra-Zamora e o Guijuelo-Compostela. Na Terceira xogaranse o Fabril-Vilalbés e o Arenteiro-Estradense. Ademais, haberá ACB co Zaragoza-Obradoiro e derbi de LEB Basquet Coruña-Ourense. O Parrulo-Osasuna, de fútbol sala, e o Cisne-Granollers, da Liga Asobal de balonmán, completan a oferta de retransmisións.

O domingo, desde as 11.45 h, ‘Galicia en Goles’ dedicará un amplo despregamento ao derbi da Segunda B entre o Coruxo e o Deportivo da Coruña, ademais de seguir o Unionistas-Celta B e os tres encontros adiantados da Terceira. A partir das 15.00 h, o Rácing de Ferrol-Salamanca e a xornada de Terceira ocuparán a faixa horaria da tarde, mentres que o treito da noite estará aberto á opinión dos especialistas no faladoiro de adestradores e xornalistas. A mesa de debate continuará ás 23.00 h, dentro do espazo ‘Ao Contraataque’.

Polo demais, a audiencia da Radio Galega pode seguir tamén outros espazos deportivos durante o sábado. Ás 13.00 h, Alfonso Pardo ofrece desde NegreiraConvivir Deportivo’, que estará dedicado á escola Dragón Vermello, que traballa con karatekas discapacitados. Ás 23.00 h, ‘Gas a Fondo’ repasará a actualidade do mundo do motor e, ás 23.30 h, Toni López García homenaxeará no ‘Galicia en Toquio’ a Alexandre Gómez, falecido o domingo pasado e que chegou a competir en tres xogos olímpicos.

Fuente Crtvg.es