‘Galicia Bonita’ comeza esta noite unha nova temporada coa unificación dunha vivenda de planta baixa en Arzúa

0
81

Santiago, 17.08.2023.-    A arquitecta especializada en recuperación de contornas no rural Rosa Facal e os seus pintorescos axudantes póñense este domingo de novo en marcha na TVG na procura de vivendas sen rematar. Cun orzamento limitado e o prazo máximo dunha semana, o equipo do programa ‘Galicia Bonita’, coa axuda de propietarios e veciños, enfrontarase nesta nova temporada a todo tipo de dificultades que influirán no correcto desenvolvemento das obras. As cousas vanse complicar moito esta temporada e o equipo verase en verdadeiros apuros para rematar as reformas encomendadas.

En cada entrega de ‘Galicia Bonita’, Rosa e o seu equipo, formado polos albaneis Javier, Adri e Litos, a deseñadora Laira e os carpinteiros Carles e Álex, seguirán loitando contra o feísmo, ese tipo de arquitectura descoidada e sen gusto, que predomina en pendellos, palleiras e leiras de toda Galicia.

Nesta ocasión, o equipo do programa achegarase á localidade coruñesa de Arzúa, no corazón do Camiño de Santiago, encrucillada entre os camiños francés e do norte e unha das súas derradeiras etapas. No lugar de Río, na Castañeda, a tradición e a conservación non atravesaron a dobre cancela de Ángeles, deixando a metade dunha casa en ladrillo e a outra en pedra, un pendello e un muro en bloque.

Rosa e os seus colaboradores afrontarán así o reto de unificar esta vivenda de planta baixa, froito dunha ampliación. Ademais, Carles debe ofrecer unha solución creativa para uns invernadoiros case en ruínas.

Fuente Crtvg.es