‘Galicia en Goles’ inicia este sábado a pretemporada coa retransmisión do Celta-Olympique de Lyon

0
27

Santiago, 26.07.2023.-    A dúas semanas para o comezo da Liga, o Celta preséntase este sábado ante a súa afección en Balaídos recibindo o equipo francés do Olimpique de Lyon, co Memorial Quinocho en xogo. Desde as 19:00 h, Alfonso Pardo capitanea o equipo de Deportes da Radio Galega desprazado a Vigo, coa narración de Roberto Carlos Carballo e os comentarios dos adestradores Moncho Carnero e José Valtierra.

A emisión do primeiro ‘Galicia en Goles’ da pretemporada prolongarase ata as 22:00 h. Durante as tres horas, o programa tamén prestará cobertura ao amigable que disputan o Rácing de Ferrol e o Pontevedra no campo Ponte dos Brozos, en Arteixo, en plenas festas do Apóstolo. Outro punto de directo situará o micrófono da Radio Galega no Pepe Barrera de Ribadeo, onde o Arenteiro comeza a preparación para a Primeira RFEF fronte a un recentemente descendido a esta categoría, a Ponferradina.

Os partidos de verán continuarán na grella da Radio Galega durante os próximos días. Así, o mércores 2 de agosto, os oíntes poderán escoitar desde as 19:00 h a retransmisión do Enma Cuervo, un dos clásicos do calendario estival. Desta volta, os protagonistas son dous equipos da Segunda División Profesional, o Rácing de Ferrol e o Oviedo. Ademais, terá presenza na edición do ‘Galicia en Goles’ a homenaxe a Arsenio Iglesias en Arteixo, onde o equipo local recibe o Deportivo da Coruña. Mentres, en Cantarrana, o Viveiro e o Club Deportivo Lugo xogarán o Memorial Antonio Tarrío. O último encontro da tarde será o Compostela-Celta Fortuna, no estadio Vero Boquete.

O sábado 5 de agosto, a partir das 17:00 h, rematará a pretemporada do ‘Galicia en Goles’, coa cobertura do trofeo por excelencia do fútbol español, o Teresa Herrera. O Deportivo homenaxeará o capitán Álex Bergantiños, que abandona os campos de xogo para pasar ao consello de administración, e as dúas iconas do SuperDépor que regresan do Brasil por unhas horas, Bebeto e Mauro Silva. Os tres recoñecementos terán lugar durante o partido ante o Bragantino carioca. Antes, o equipo feminino do Deportivo disputará o título ante o Alavés.

Ademais da cita de Riazor, o equipo da Radio Galega seguirá o último amigable do Celta antes do comezo da Liga, en Alemaña ante o Wolsburgo. O Castilla-Rácing de Ferrol, en Viveiro; o Celta Fortuna-Arenteiro, en Barreiro; e o Compostela-Lugo, en Foz, completarán a axenda de retransmisións ata as once da noite.

A partir do sábado 12 de agosto, volve o ‘Galicia en Goles’ da Liga, que ata finais de mes comezará os sábados e os domingos ás 14:15 h e rematará ás 00:00 h. Unha temporada máis, o programa estará conducido por Xoán Galán. Cada fin de semana, o  espazo programará amplas despregaduras para os partidos da Liga Profesional en que participen o Celta de Vigo, na Primeira División, e o Rácing de Ferrol, na Segunda. Outra categoría estrela é a Primeira RFEF, en que este curso coindicirán catro equipos galegos: Deportivo da Coruña, Club Deportivo Lugo, Celta Fortuna e Arenteiro do Carballiño.

Fuente Crtvg.es