‘Galicia en Goles’ ofrece esta fin de semana os partidos Celta-Atlético de Madrid e Sabadell-Deportivo

0
27

Santiago, 19.10.2023.- A fin de semana deportiva comeza na Radio Galega na noite do venres. De 20:30 h a 00:00 h, Roberto Carlos Carballo analizará cos protagonistas todo o calendario dos equipos galegos no fútbol e no polideportivo.

O sábado, desde as 15:00 h ata as 23:30 h, o interese estará posto na Primeira División Profesional, co Celta-Atlético de Madrid desde Balaídos. Antes, o Deportivo da Coruña visitará na Nova Creu Alta o Sabadell. Nos dous encontros, o obxectivo dos clubs históricos galegos é o mesmo: gañar para escapar dos postos de descenso. Outras citas futbolísticas do día serán o Leonesa-Arenteiro, da Primeira RFEF, e o derbi da Segunda entre o Vilalbés e o Ourense C. F.

Ademais, o baloncesto terá protagonismo nas webs radiogalega.gal e g24.gal/deportes coa retransmisión da xornada da Liga ACB. Ás 18:00 h, o Breogán visita o Palencia, mentres ás 20:45 h o Obradoiro recibe o Girona.

Xa o domingo, o ‘Galicia en goles’ estará en antena durante máis de 13 horas de xeito ininterrompido. No primeiro treito, ás 11:45 h, fará seguimento do fútbol da Primeira RFEF co Osasuna Promesas-Celta Fortuna. Ás 14:00 h chegará a Segunda Profesional desde A Malata, co Rácing de Ferrol-Eldense. Xa pola tarde, o fútbol da Segunda e Terceira Federación gozará dunha ampla despregadura con atención especial ao Pontevedra-Oviedo Vetusta, Torrelavega-Compostela, Fabril-Zamora e Coruxo-Avilés. Fóra do fútbol tamén terá presenza na axenda da RG o encontro de balonmán entre o Cangas e o Nava.

Ao remate da xornada, contra as 23:00 h, Xoán Galán dará a remuda a Pedro Pablo Alonso, que conducirá o faladoiro de especialistas e xa de 00:00 a 01:00 h ofrecerá as opinións dos principais protagonistas da Liga de Terceira RFEF.

#GaliciaEnXogo ocúpase dos Xogos Olímpicos

Este sábado, o proxecto #GaliciaEnXogo ofrecerá dúas edicións aos oíntes da Radio Galega. A primeira, ás 13:00 h, Alfonso Pardo visita Antas de Ulla coa asociación Special Olimpics, que fará balance do ano. E ás 23:30 h, Toni López resumirá a actualidade semanal dos deportistas galegos que preparan os Xogos de París 2024.

Doutra banda, desde o próximo luns, os oíntes da Radio Galega poderán gozar de máis minutos de información deportiva dentro do espazo ‘A crónica’. Cada día, de luns a venres, ofrecerá media hora de actualidade neste eido, de 14:30 a 15:00 h. Pola noite, ‘Ao contraataque’ continuará ofrecendo entrevistas destacadas e entretendo cos faladoiros máis divertidos, de 23:00 01:00 h.

Fuente Crtvg.es