‘Galicia en Goles’ retransmite a antepenúltima xornada da Liga

0
4

Santiago, 10.07.2020.-  O final exprés da Primeira e Segunda divisións entra no último treito. No prazo de oito días vanse disputar tres xornadas. Os equipos galegos queren chegar cos deberes feitos canto antes e esta fin de semana o Celta e o Deportivo teñen a ocasión de alcanzar o obxectivo da permanencia, mentres o Lugo, de seguir nesta progresión, podería dar un paso adiante para continuar na categoría.

O sábado, desde as 15:00 horas, ‘Galicia en Goles’ centrará a emisión na retransmisión do partido da Primeira División entre Osasuna e Celta, no estadio Sadar. Nos últimos catro encontros, o cadro vigués só sumou tres puntos, pero así e todo, un resultado positivo en Pamplona permitiríalle asentarse unha temporada máis na elite, sen ter que depender das últimas xornadas ante o Levante e o Espanyol. 

A edición do domingo xirará arredor da Segunda. A partir das 15:00 h, o programa contará o Deportivo-Extremadura, desde Riazor, e o Lugo-Girona, no Anxo Carro. As contas do Dépor pasan por gañar un dos tres partidos que restan e o máis sinxelo, a priori, é o de esta xornada, xa que o cadro de Almendralejo está virtualmente descendido. Para o Lugo, o rival é o máis complicado que lle queda, xa que está pelexando por volver á Primeira. A favor do equipo galego xoga o feito de que leva sete puntos de nove posibles desde a chegada de Juanfran como novo adestrador.

‘Galicia en Goles’ chega como cada xornada á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España, os altofalantes Alexa e este domingo tamén a través de Radio Galega Música. Ao ser domingo electoral, a Radio Galega comezará ás 19:45 horas o Especial Informativo, polo que a retransmisión do Lugo-Girona estará dispoñible a través da emisora musical.

Fuente Crtvg.es