‘Galicia en goles’ retransmite o domingo os ascensos á Terceira de fútbol

0
7

Santiago, 24.06.2021.-  A temporada continúa para o equipo deportivo da Radio Galega. O sábado, desde as 6 da tarde, ‘Galicia en goles’ estará presente nos partidos onde se xoga a permanencia na Segunda División B de fútbol sala. O Sala Ourense e o Ventorrillo da Coruña dependen de si mesmos para permanecer, pero unha picada daría opcións ao Xove, sempre e cando sume os tres puntos na casa. O fútbol sala tamén será protagonista en Poio, coa homenaxe ao ex-xogador Carliños, falecido o ano pasado.

O domingo, tamén desde as 6 da tarde, a atención do ‘Galicia en goles’ estará posta no final da Liga de Preferente. Durante dúas horas, con horario unificado, estarán en xogo en cinco campos dúas prazas de ascenso á Terceira División. Ademais, haberá un sexto partido, o Victoria da Coruña-Cambados, no que o gañador accederá a próxima edición da Copa do Rei de fútbol.

Durante a fin de semana, a Radio Galega informará do que aconteza nos cruzamentos de oitavos de final da Eurocopa e mesmo o luns ofrecerá unha edición especial de ‘Galicia en goles’, coa retransmisión do España-Croacia, que se disputa en Copenhague.

O fútbol tamén será protagonista o sábado na última entrega de ‘Convivir deportivo’ esta temporada. Desde o concello de Oza-Cesuras, Alfonso Pardo homenaxea ao que foi adestrador de fútbol Xulio Díaz. Entre outros convidados estará Fernando Vázquez, que volverá falar meses despois do seu despedimento do Deportivo da Coruña.

Polo demais, a fin de semana tráenos o rally de Narón, que centrará o ‘Gas a fondo’ do sábado a partir das 11 da noite. E ás once e media, Toni López repasará no ‘Galicia en Toquio’ a actualidade dos deportistas galegos que preparan os próximos Xogos Olímpicos.

Fuente Crtvg.es