Gayoso, Tanxugueiras e Touriñán conducen o ‘Especial Fin de Ano’ da TVG, coas badaladas na praza do Obradoiro

0
63

Santiago, 31.12.2023.- A Televisión de Galicia pecha o ano por todo o alto, cun programa ‘Especial Fin de Ano’, presentado por Xosé Ramón Gayoso e as Tanxugueiras, e que terá como fío condutor a intelixencia artificial (IA), iso si, en clave de humor. Este 2023 non se deixou de falar de IA, co lanzamento de novas aplicacións que recrean voces e persoas, e co augurio de que acabará substituíndo os humanos en eidos coma a condución ou o traballo. 

Xosé A. Touriñán porase hoxe na pel de Manuel Eduardo, un experto en televisión, que lle irá explicando á audiencia os usos da IA, con exemplos prácticos, pero non está garantido que todos os seus experimentos saian ben. Ademais, espectadores e público bailarán toda a noite, non só coas actuacións dos artistas convidados, senón tamén coas mellores pezas musicais realizadas a través de IA.

Entre as grandes actuacións deste ‘Especial Fin de Ano’, á audiencia poderá escoitar a Camela, Carlos Baute, Bustamante, Twin Melody e as propias Tanxugueiras, que tamén subirán ao escenario para interpretar os seus éxitos. As orquestras Panorama e El Combo Dominicano representarán a verbena galega e haberá actuacións de grandes grupos galegos como a banda de rock de Cangas Astarot ou as viguesas Fillas de Cassandra, que revolucionaron este verán o panorama festivaleiro galego. A música tradicional do país poñeraa Treixadura, mentres Ortiga e Pili Pampín interpretarán algúns dos hits da súa exitosa colaboración, como ‘O galo’. 

O ‘Especial fin de ano’ tamén incluirá as badaladas da Galega desde a praza do Obradoiro de Santiago. Neste caso, Xosé Ramón Gayoso estará acompañado na retransmisión polas presentadoras dos espazos da TVG ‘Hora Galega’ e ‘Malicia Noticias’, Rocío Durán e Noelia Rey.

Fuente Crtvg.es