Granada-Celta e Dépor-Unionistas, no ‘Galicia en goles’ da fin de semana

0
8

Santiago, 28.01.2021.- Esta xornada dura catro días na programación deportiva da Radio Galega. O venres, desde as oito e media do serán ata as doce da noite, Roberto Carlos Carballo conduce a primeira edición de ‘Galicia en goles’, coa análise dos partidos que retransmitirá a Radio Galega durante a fin de semana.

O sábado, desde as 3, Xoán Galán conduce ata as 11 da noite un programa no que terá protagonismo especial o derbi provincial da Segunda B entre o Celta B e o Pontevedra. Ademais, o Obradoiro-Bilbao, da Liga ACB de baloncesto, e o derbi de balonmán de prata Novás-Teucro serán outros argumentos do día.

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás 12 co seguimento dos partidos de Terceira, Liga feminina e competicións de base. Desde as 3, o interese pasará polo Granada-Celta, de Primeira, e na Segunda B por tres encontros: Compostela-Coruxo, Zamora-Rácing de Ferrol e Deportivo-Unionistas. A Terceira e o Deportivo-Levante da Primeira feminina completan a oferta da tarde.

A partir das nove e cuarto da noite, adestradores e xornalistas debaterán no faladoiro sobre os resultados dos nosos equipos, unha emisión que tamén se poderá seguir polo streaming do Mira RG a través da web da CRTVG. Ás 11 da noite, no ‘Contraataque’, continuará o tempo de opinión ata as 12 da noite.

Na fin de semana, a Radio Galega ofrece outros espazos de temática deportiva, os tres durante o sábado. Á unha do medodía, no ‘Convivir deportivo’, Alfonso Pardo visita a localidade ourensá de Muíños para contar a historia do club deportivo fundado polo párroco hai máis de corenta anos, con influencias do Real Betis.

Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez analiza a actualidade do motor no ‘Gas a fondo’ e ás once e media Toni López convida no ‘Galicia en Toquio’ aos atletas Adrián Ben, Saleta Fernández e Belén Toimil.

Fuente Crtvg.es