Hóckey a patíns, balonmán e fútbol, na oferta deportiva da CRTVG esta fin de semana

0
7

Santiago, 22.01.2021.-  Fin de semana deportiva nos medios públicos galegos, que achegarán dous partidos destacados de fútbol galego na Segunda B e senllas citas coa Primeira División de hóckey a patíns e de balonmán feminino.

As transmisións futbolísticas comezan este sábado na G2 e na web da CRTVG, ás 17.30 horas, co partido de hóckey a patíns que xogarán en Riazor o Deportivo Liceo e o Igualada, correspondente á décimo sexta xornada da Ok Liga, na que o conxunto coruñés lidera a clasificación.

A Primeira feminina de balonmán copará tamén a atención dos medios públicos galegos, que ofrecerán, ás 19.00 horas, o partido estrela da Liga Guerreras Iberdrola, que disputarán as galegas do C. B. Atlético Guardés contra o Super Amara Bera Bera. O Guardés disputa este sábado un partido oficial na Sangriña fronte un dos conxuntos favoritos da competición, tras varios aprazamentos na Liga e a cancelación da eliminatoria europea nestes dous últimos meses.

Na xornada matinal do domingo, ás 12.00 horas, volve o fútbol ser protagonista da oferta deportiva da G2 e da web da CRTVG, co partido entre o Coruxo F. C.-Salamanca C. F.. Ambos conxuntos, en apuros, precisan esta vitoria para saír dos últimos postos da táboa.

No tempo de ‘A Liga das Cidades’, os afeccionados ao fútbol poderán seguir, en directo, o derbi provincial que xogarán, ás 17.00 horas, o R. C. Deportivo e o S. D. Compostela. Partido de máxima rivalidade, no medio da nova etapa que se vive en Riazor.

Fuente Crtvg.es