Hoxe na G2 ‘A mesma terra’, documental que se achega á terra como principal medio de produción do labrego

0
26

Santiago, 24.05.2022.-  ‘A mesma terra’ é o documental que propón a G2 este martes á noite, ás 23:30 horas. Coproducido por TVG e Fonsagrada Produccións, este traballo dirixido por Anxo Vázquez, con guión de Pepe Coira, achégase á terra e á súa relación co home no rural galego. 

A terra é o principal medio de produción que ten o labrego. A súa propiedade ansiouse durante séculos. En Galicia deu lugar ás grandes manifestacións agraristas do século XX en contra do sistema contractual existente durante séculos entre os propietarios e os usufrutuarios: os foros. Redimíronse estes a finais do século XIX e principios do XX, época moi tardía que traería malas consecuencias para a economía agraria do país.

Eliminado o sistema feudal dos foros, o labrego seguiu sendo escravo da escasa terra que posuía, ata hoxe. Nesta nova etapa, a subsistencia non é o principal problema, nin as rendas que antes tiña que pagar ao señor. Agora hai que integrarse nunha economía diferente e facer fronte ás novas esixencias sociais. Segue a ser o escravo, traballando arreo e tendo que investir todo o seu aforro e endebedarse para mellorar o seu sistema produtivo.

A terra estivo e está suxeita a outras circunstancias que marcaron o camiño da peculiar maneira de explotación agraria que predominou en Galicia, como son o minifundismo, a excesiva parcelación e os altos prezos deste ben tan escaso. Todo isto agravado por ser o sector agrario o predominante dentro da actividade económica ata hai moi poucos anos.

Nos anos 70 do pasado século, a metade da poboación galega traballaba no sector agrario. Na actualidade está entre o sete e o oito por cento. A redución do número de explotacións foi igual de drástico. Con todo, as producións dependentes da terra non só se mantiveron, senón que aumentaron en moitos casos.

O ingreso na Europa Comunitaria acelerou este proceso e, ao ter que competir coas doutros países, marcou o destino económico das explotacións.

Agora case todo o mundo ten terras, pero moi poucos viven delas. O campo, nunha gran porcentaxe, está deshabitado. Con todo, aqueles que viven no sector agrario necesitan grandes extensións para cumprir coas esixencias económicas actuais. 

Debido a estas contradicións, a terra segue marcando o destino dunha boa parte da nosa sociedade.

Fuente Crtvg.es