#ImpactoOceánico, a nova ‘AcciónG’ coa que a CRTVG se suma á loita contra a contaminación dos mares

0
29

Santiago, 26.06.2023.–  Galicia é a comunidade de España con máis quilómetros de costa e a vida de milleiros de galegos leva séculos vencellada ao mar, por iso o ‘Día da Xente do Mar’ da ONU, que se celebra o 25 de xuño, tiña que ser unha data marcada no calendario de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG.

#ImpactoOceánico, é o nome desta nova campaña que, amais do Día Mundial da Xente do Mar recolle tamén outra efeméride: o 50 aniversario do Convenio MARPOL. O MARPOL é o tratado creado en 1973 para loitar contra a contaminación do tráfico marítimo. Os obxectivos da campaña son concienciar sobre a importancia  de coidar o noso océano,  e visibilizar o impacto deste convenio internacional que foi escalando as medidas de seguridade e sostibilidade ao longo dos anos.  As normas relativas ao transporte marítimo introducidas polo MARPOL, e todo o traballo da Organización Marítima Internacional (OMI), pertencente ás Nacións Unidas, nestas cinco décadas xogaron un papel decisivo no descenso da contaminación accidental por hidrocarburos dos buques.

A CRTVG difundirá #ImpactoOceánico durante estes días a través da televisión, radio, canles dixitais e dun espazo web, un anuncio e un vídeo divulgativo sobre as medidas e avances que introduciu o convenio MARPOL no transporte marítimo internacional. As #AcciónsG son as iniciativas de Responsabilidade Social Corporativa da CRTVG de produción propia. A través delas dáse visibilidade aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, con proxectos de valor para a sociedade que contribúan a solucionar os retos aos que esta se enfronta.

Nesta ocasión, a campaña #ImpactoOceánico  visibiliza os obxectivos 7º, 9º, 13º, 14º e 17º dos ODS, que están relacionados coa enerxía accesible e limpa, a innovación, o cambio climático, o uso sostible dos recursos mariños e a importancia das asociacións e os medios para conseguir estes obxectivos.

Fuente Crtvg.es