Inés Rey, alcaldesa da Coruña: «Non está na miña axenda presentarme á secretaría xeral do PSdeG»

0
10

Santiago de Compostela, 26.05.2021.- Inés Rey, alcaldesa do Concello da Coruña, foi entrevistada este mércores no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde fixo un balance sobre os seus primeiros anos de mandato. 

Rey amosou a súa satisfacción ante a recente aprobación do pacto para construír a estación intermodal da Coruña, aínda que recoñeceu a existencia dun “atraso importante en estruturas fundamentais para mellorar as conexións e construír a cidade do futuro”. Tamén lembrou que o pasado mes de febreiro “todas as administracións públicas implicadas no porto sentaron a traballar no futuro urbano da cidade por primeira vez en dezasete anos”, e sinalou a intención da Administración local de dar solucións de mobilidade e reordenar os espazos públicos: “Estamos a traballar nunha cidade máis sostible”. 

Para a alcaldesa da Coruña, os fondos europeos de recuperación Next Generation van ser unha axuda nun momento complicado, pero remarcou que algunhas das súas actuacións “están garantidas, cheguen ou non eses fondos”. En relación á situación do ERTE en Repsol, Rey fixo fincapé na importancia dunha “industria viable e de futuro, que ten unha responsabilidade social e ten que garantir os postos de traballo a uns traballadores esenciais”.

Inés Rey expuxo que “o que esperan os cidadáns de nós é altura política, que nos afastemos desas posicións partidistas”, e, en canto á xestión da pandemia, deixou claro que dende a súa Administración o obxectivo era que “ninguén quedara atrás nunha crise sanitaria que derivou en crise económica”. Sobre presentarse como candidata á secretaría xeral do Partido Socialista, destacou que “non está na súa axenda”. 

Fuente Crtvg.es