Jorge Mira recibe o Premio de Divulgación Científica da Real Academia Galega das Ciencias

0
6

Santiago, 13.07.2020.-    A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeulle o seu primeiro Premio de Divulgación Científica a Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, comunicador e colaborador en distintos programas da Televisión de Galicia e da Radio Galega.

O galardón recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles: libros e colaboracións en prensa escrita, radio e televisión, ademais da organización de todo tipo de actividades para o gran público. As súas colaboracións en medios de comunicación, que comezaron a finais dos anos 90, inclúen a publicación de artigos en xornais e a participación en múltiples programas da Radio Galega, onde colabora actualmente no espazo ‘Convivir’, e da TVG, onde é un dos expertos do programa ‘Coma un Allo’.

Desde 2005 dirixe o Programa ConCiencia, unha iniciativa ideada por el para promover a divulgación a cargo de científicos de primeira orde a nivel internacional, cos que trouxo a Galicia numerosos Premios Nobel para impartir charlas dirixidas ao público xeral, entre eles, o científico Stephen Hawking. Tamén é fundador e promotor de iniciativas como a Nerd Nite e varias actividades de observación astronómica na Costa da Morte, así como director da colección de divulgación científica da editorial da USC e comisario de exposicións como ‘Un mar de xenios na Fin da Terra’, a máis visitada en Galicia en 2013. Entre os libros de divulgación publicados por Mira destacan ‘A que altura está o ceo?’ e ‘A ciencia no punto de mira’.

A Real Academia Galega de Ciencias tamén fixo pública a concesión do seu Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, dotado con 3.000 euros netos e convocado conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Xavier Fonseca, redactor do diario ‘La Voz de Galicia’, pola reportaxe titulada ‘Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán’, publicada o 30 de outubro de 2019. O accésit deste galardón, dotado con 1.000 euros, correspóndelle ao segundo traballo mellor valorado, titulado ‘A aposta científica das aulas galegas’, asinado por Selina Otero e publicado o 15 de decembro de 2019 no xornal ‘Faro de Vigo’.

Estes galardóns serán entregados mañá nunha cerimonia que terá lugar en Santiago de Compostela, en que tamén serán concedidos os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, convocados conxuntamente pola RAGC e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Fuente Crtvg.es