La Terremoto de Alcorcón, De Vacas, Hevia e Marlène Mourreau enchen de festa ‘Luar’ coa súa mellor música

0
22

Santiago, 6.5.2022.-  O musical ‘Luar’ (22.00 h), cita obrigada para a diversión cada venres á noite na Galega, propón nesta ocasión un variado elenco de artistas e estilos, adaptados a todos os gustos. Tratándose dun ambiente festivo e de pasalo ben, unha convidada única será a versátil cantante, actriz, humorista e vedette La Terremoto de Alcorcón, que de seguro converterá en espectáculo cada unha das actuacións coas súas xocosas parodias musicais.

Outro grupo que leva acadados numerosos éxitos coas súas versións de coñecidas cancións é o cuarteto galego de De Vacas, que hoxe lle presentará a audiencia da Galega a súa reinterpretación da canción ‘Ateo’, de C. Tangana e Nathy Peluso. Co título de ‘Beo beo o Xacobeo’ e co humor que as caracteriza, Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, con Guillerme Fernández á guitarra, chancearán en ‘Luar’ coa posibilidade de que se celebre un terceiro ano santo en Compostela.

E continuando con mulleres virtuosas e moi afamada para os espectadores, ‘Luar’ contará esta edición cunha das vedettes máis recoñecibles do panorama artístico, a tamén actriz, presentadora de televisión e modelo francesa Marlène Mourreau.

O espazo mudará de estilo co gaiteiro asturiano Hevia, moi popular pola súa invención da gaita electrónica, recalará no programa para amosar algunha das súas propostas máis recentes. O músico leva anos seguindo a pegada dos antigos gaiteiros da súa terra no continente americano, onde deu forma ao proxecto ‘Al son del indianu’.

Na presente edición, a audiencia poderá ver tamén nun rexistro moi diferente ao cotiá o xornalista e presentador do ‘Galicia noticias’, Eduardo Herrero, na súa faciana artística á fronte do grupo En Casa del Herrero, o seu proxecto musical en que se decanta por sons que beben do blues, country e rock and roll.

O espectáculo que traerá a orquestra La Fórmula e os sons tradicionais do grupo de pandeireteiras Lirolai e a Banda de Gaitas de Xinzo de Limia completan as variadas intervencións musicais deste venres.

Finalmente, Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández darán paso unha nova edición de ‘Recantos’, con Mixel (Galicia centro) e Dan Ale (A Mariña) en competición. O dúo Campos e Crespo achegará os números de humor da velada, mentres que o bote do concurso telefónico parte hoxe con 12.000 euros.

Fuente Crtvg.es