Los del Río, Hugo Torreiro, Xosé M. Piñeiro e a Panorama amosan a súa mellor música en ‘Luar’ este Venres Santo

0
16

Santiago, 15.4.2022.-  ‘Luar’ (21.55 h) celebrará este Venres Santo coa súa audiencia a ritmo das rumbas e sevillanas de Los del Río. O dúo, formado por Antonio Romero e Rafael Ruiz, ofrecerá esta noite unha boa mostra da súa música, coa que enchen de ledicia calquera festa e que os sitúa como os número un do panorama musical andaluz, recoñecidos e premiados internacionalmente, con máis de 15 millóns de discos vendidos, 250 discos de ouro e 120 de platino.

E falando de festexos, un dos nosos maiores referentes nas verbenas, a orquestra Panorama, que acaba de iniciar xira despois de dous anos parada pola pandemia, traerá o seu novo espectáculo e presentará, entre outros, o tema ‘A bailar no Luar’, dedicado ao programa.

Co ourensán Antonio Luz poderase escoitar tamén un avance do novo proxecto musical, ‘O paraíso das airas’, o seu primeiro disco en galego, en que conecta a música co noso rural e que verá a luz a próxima semana.

O cantante de Cambre Hugo Torreiro, dado a coñecer ao público galego tras o seu paso por ‘Recantos’, achegará a canción ‘Se olvidó de recordar’, unha homenaxe ás persoas que sofren alzhéimer e que forma parte do seu quinto disco.

Continuando coa música da nosa terra, o versátil presentador da Galega, Xosé Manuel Piñeiro, volverá sorprender o público amosando a súa faceta como intérprete sobre o escenario.

Nesta data festiva non podía faltar unha referencia musical á Semana Santa, como a que ofrecerá a agrupación musical Virgen del Carmen de Ferrol co tema ‘Costaleros gitanos’. ‘Luar’ contará, amais, coas actuacións do grupo folk Abeleiras de Alxán, dos gaiteiros de Os Viqueiras de Ordes e o coruñés Dani Ríos.
    
Haberá humor con Campos e Crespo, Xosé Antonio Touriñán, Lucía Veiga e Marcos Pereiro. E finalmente, Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández darán paso unha nova edición de ‘Recantos’, con Miki Fernández (Noia-A Barbanza) e Iván Pérez (Ourense sur) en competición.

Fuente Crtvg.es