Los Jinetes del Trópico, Pandeiromus, Alberto Dopico e Manolito El Pescador enchen ‘Luar’ de música galega

0
8

Santiago, 15.05.2020.-  Na antesala da celebración do Día das Letras Galegas, ‘Luar’ (21.55 h) será de novo unha festa grazas ás actuacións dos artistas galegos, que amosarán as súas variadas propostas. Desde o estudio, Xosé Ramón Gayoso e Patricia F. Santana darán paso a Beatriz Serén, que estará en directo no cemiterio de Paradela, o único de Galicia que ten as lápidas en galego.

Los Jinetes del Trópico será o primeiro convidado desta noite. O trío monfortino presentará no programa a canción que compuxo en medio do confinamento, ‘Unidos por el coronavirus’, un tema colaborativo con outros artistas e con mensaxe positiva.

A música tradicional estará representada no estudio por unha das nosas formacións destacadas, que se implica coa investigación e interpretación da música galega de tradición oral, o grupo Pandeiromus.

O ribeirense Manolito El Pescador, coñecido como ‘fisherman’ nos últimos tempos pola súa colaboración no ‘Land Rober’ da TVG, ofrecerá unha versión de ‘Miña terra galega’. Pola súa parte, o artista Alberto Dopico conmemorará a festa das Letras Galegas achegando o tema ‘Poemas de Rosalía’. Completa as intervencións musicais, en directo, a orquestra Barceló.

‘Luar’ lembrará, a maiores, momentos especiais vividos no programa coas actuacións de Marta Sánchez, A Rexionalista, amais de ofrecerse un vídeo musical realizado polos ‘recanteiros’ do ‘Luar’ durante o confinamento.

Os espectadores volverán ter a oportunidade de gañar o bote do concurso telefónico, que esta semana parte con 500 euros; poderán gañar xamóns coas adiviñanzas que propón o programa, e contarán co humor do dúo Brandariz e Veiga, cun número dedicado ás Letras Galegas.

Por último, á marxe das actuacións musicais, ‘Luar’ conversará sobre o escenario con Santiago Bonay, ourensán de Nogueira de Ramuín, cuxa canción sobre as bondades de Galicia está destacando nas redes sociais; co luthier e músico Pablo Carpintero e co tamén colaborador do programa, Cuqui, quen contará con moito humor algunha historia inspirada na súa terra.

Fuente Crtvg.es