Lucía Pérez, Leilía, Mar Davila e a orquestra Los Players soben esta noite, en directo, ao escenario de ‘Luar’

0
6

Santiago, 17.04.2020.- Un venres máis, ‘Luar’ (21.55 h) propón un abano variado de contidos e artistas para pasar a noite na compaña do mellor entretemento. Sobre o escenario, Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Beatriz Serén darán paso, en directo, ás actuacións da cantante do Incio que representou a España en Eurovisión, Lucía Pérez, á música tradicional das cantareiras e pandeireteiras do grupo Leilía, á mítica orquestra ferrolá Los Players e á tamén galega Mar Davila, que interpretará o sinxelo ‘Pandeiro de catro ventos’ do seu terceiro disco, unha composición inédita de Juan Pardo.

Precisamente, esta noite lembrarase tamén o paso polo escenario do programa de Juan Pardo coa súa filla Lys, amais doutras actuacións, como a de Marta Sánchez, Isabel Pantoja, a asociación folclórica Retranqueiros de Ames e Cantares do Brión. Ao igual que nas últimas edicións, poderase ver unha selección das mellores intervencións dos ‘recanteiros de ouro’.

Pero, coma sempre, ‘Luar’ ofrecerá máis propostas que as musicais, como a participación de Ermitas, unha peiteadora que achegará unha serie de consellos para cortar o pelo ou tinguir as canas na casa; o músico, artesán e investigador galego Pablo Carpintero amosará novos instrumentos curiosos; o experto en animais, colaborador dos medios públicos galegos, Octavio Villazala, falará coma sempre das marabillas do mundo animal, e ofreceranse saúdos e distintas iniciativas desde o confinamento, a través de vídeos.

Amais, os espectadores volverán ter a oportunidade de facerse co bote do concurso telefónico, que esta semana ascende a 1.000 euros, e gozar co humor do dúo Brandariz e Veiga e coa sorpresa de despedida que lles dará o programa ao conectar, en directo, coas Cantareiras de Ardebullo.

Fuente Crtvg.es