Máis de 100.000 espectadores seguiron ‘A Liga das Cidades’ este domingo na G2

0
10

Santiago, 14.12.2020.-  A emisión do partido entre o R. C. Deportivo da Coruña e o Celta B converteuse este domingo no segundo espazo máis seguido na G2, a segunda canle da Televisión de Galicia, desde a entrada do dividendo dixital en 2015.

O encontro acadou un 11,0% de share e unha audiencia media de 97.000 espectadores, aos que se suman outros 25.000 a través da web crtvg.gal. A expectación por este encontro de 2ªB, celebrado onte pola tarde no estadio de Riazor entre o equipo coruñés e o filial celeste, converteuno nun dos dous partidos máis seguidos pola audiencia, só por detrás do Pontevedra-Mensajero de maio de 2015.

‘A liga das cidades’ (16.30 h), un dos espazos estrela da programación deportiva da Televisión de Galicia, emite cada fin de semana os espazos das Ligas de 2ª B e 3ª división de fútbol dos clubs galegos que militan nestas categorías e desenvolve un carrusel deportivo polos campos en xogo. Nesta temporada 2020-2021, a canle pública galega retransmite os encontros do Deportivo da Coruña, Celta B, Rácing de Ferrol, Compostela, Pontevedra e Coruxo. Ao igual que a 2ªB, a TVG tamén ofrece os correspondentes aos 24 equipos galegos da 3ª División.

A CRTVG é a canle autonómica que máis retransmisións e máis seguimento fai en directo dos seus deportistas ao longo do ano e en calidade HD. Fiel a esta aposta estratéxica, a segunda canle da Galega e a web da CRTVG achegan cada xornada os principais encontros destas categorías de fútbol, amais doutras especialidades deportivas tanto femininas como masculinas que xa son marca da Galega, coma o balonmán, o fútbol sala, o baloncesto, motor, traiñeiras ou hóckey.

Ademais, a G2 programa os domingos o espazo ‘En xogo’, un clásico deportivo da Galega, que ofrece cada domingo á noite, un resumo dos partidos de fútbol de todas as categorías, con especial atención aos disputados polo Celta na Primeira División e polo Lugo na categoría de prata. Óscar Benito, Gustavo Varela, Lorena Pose e Luis Timiraos á fronte do ‘En xogo’ achegan a actualidade de cada xornada, os mellores goles, entrevistas e os principais protagonistas no terreo de xogo e nas bancadas.

Fuente Crtvg.es