Máis de dous millóns de espectadores seguiron o ‘Aquí Portugal’ conxunto da TVG e a RTP desde a Praza do Obradoiro

0
12

Santiago, 22.11.2019.-  Televisión de Galicia e a Radio Televisão Portuguesa (RTP) realizaron conxuntamente o sábado 16 de novembro de 2019 unha nova edición de ‘Aquí Portugal’ (15.45 horas), magazine que foi emitido simultaneamente e en directo polas dúas canles. Os presentadores da Galega Xosé Manuel Piñeiro, Lucía Rodríguez e Arturo Fernández, e os portugueses Hélder Reis, Joana Teles e Catarina Camacho puxéronse á fronte deste proxecto desde a  concorrida praza compostelá do Obradoiro, cun importante despregamento de medios no centro da cidade.

‘Aquí Portugal’ é bo exemplo da boa relación entre as canles galega e lusa e da capacidade de cooperación técnica e loxística das dúas canles públicas, xa que a edición do programa supuxo un desafío técnico e organizativo de primeiro nivel ao tratarse dun magazine en directo que se emite para os dous países de forma conxunta e que conta con equipos mixtos tanto diante como detrás das cámaras.

Máis de dous millóns de espectadores de audiencia
    
Segundo se desprende dos datos de audimetría vixentes nos dous países, máis de dous millóns de persoas contactaron coa emisión do programa, que acadou unha cota de pantalla do 14% na Galega e dun 13,5% en Portugal e que estivo en directo tres horas en Galicia, chegando ás sete horas en Portugal. Estes datos converten esta emisión nunha das máis seguidas da CRTVG neste século e a cifra aumenta se se considera que tamén foi emitido en directo por RTP Internacional para a toda a lusofonía e polas canles internacionais da TVG, o que eleva a audiencia potencial a máis de 13 millóns de persoas. En ambos casos, a cota de pantalla do programa estivo por enriba da media da canle, aínda que tanto a TVG como a RTP1 acadaron ese sábado uns magníficos 10,3% e 11,5%, respectivamente.

Esta é a quinta ocasión en que TVG e RTP producen conxuntamente este programa e unen os seus recursos arredor dunha proposta coa que se estreiten máis os lazos entre as culturas galega e portuguesa. O resultado desta última experiencia sitúa unha vez máis a CRTVG como un elemento chave na difusión dos valores de Galicia, do seu patrimonio e do seu potencial turístico máis aló das nosas fronteiras. O magazine tivo como fío condutor o Camiño de Santiago e outorgoulle un peso destacado á capital de Galicia.

A relación da CRTVG coa RTP
    
Dentro do marco de colaboración e achegamento da CRTVG con Portugal e a lusofonía, encadrado na coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade, os medios públicos galegos levan xa anos fornecendo as relacións bilaterais e de intercambio cultural cos medios públicos lusos a través de diferentes iniciativas, que van desde unha correspondencia dos servizos informativos da CRTVG no Porto ou a cada vez máis intensa coprodución de series de ficción, ata a aposta por programas conxuntos de emisión simultánea en ambos países. A relación coa RTP é estreita e tradúcese no desenvolvemento continuo de proxectos conxuntos no eido audiovisual e institucional. Entre os máis recentes, a gravación e emisión de programas e coproducións de ficción como ‘Auga seca’, a serie xuvenil ‘Verán M’ ou o éxito de ‘Vidago Palace’, a primeira serie coproducida entre TVG e RTP, que se converteu na primeira serie rodada en galego e portugués emitida no territorio norteamericano, na canle por cable Acorn TV.

Fuente Crtvg.es