Máis diversión, música e bo ambiente na procura das mellores festas, nesta nova entrega de ‘Eu quero troula II’

0
11

Santiago, 05.08.2021.- Nesta entrega do divertido e festexeiro ‘Eu quero…’, e como continuación ao último programa, a troula que invade os concellos e vilas de Galicia será de novo a protagonista absoluta da noite, cunha intensa viaxe cargada de música, boa comida, cancións, bailes e sorrisos. Así, este mércores, a TVG ofrecerá ‘Eu quero troula II’ (22.30 h), un programa especial en que as festas destes días de lecer e calor, que enchen de alegría as cidades e vilas de Galicia, chegarán aos fogares de todos os espectadores.

As reporteiras do programa Adela Bértolo, María Rial, e Laura Vaqueiro serán as encargadas de facer este percorrido tan ‘trouleiro’.

Para comezar estarán na espectacular festa do Esquecemento de Xinzo de Limia. Neste concello ourensán os seus veciños retroceden no tempo para recrear unha peculiar e moi divertida invasión romana.

A continuación, as reporteiras viaxarán a Poio, e, máis concretamente, a belísima parroquia de Combarro, para pasalo en grande na Festa do Mar. Alí haberá música tradicional, moito marisco e unha verbena inesquecible coa orquestra Marbella.

As cámaras do programa tamén estarán en Allariz, onde celebran un desfile de xigantes e cabezudos para homenaxear a empanada, un dos nosos emblemas gastronómicos.

O percorrido de ‘Eu quero troula II’ fará parada en Doade, no concello de Lalín. Nunha nova edición da malla tradicional desta parroquia terase a oportunidade de comprobar como traballaban os nosos antepasados… Pero tamén se poderá troulear coa foliada que teñen preparada.

No programa tamén haberá tempo para visitar Soutelo de Montes, no concello de Forcarei, e vivir en primeira persoa a Festa do Gaiteiro de Soutelo. Trátase dunha emotiva e festexeira homenaxe a Avelino Cachafeiro, un mito da nosa cultura gaiteira.

A troula é esgotadora e, deste xeito, as reporteiras reporán forzas cunhas ameixas do Carril cociñadas de distintas formas. E por se alguén queda con fame e ganas de festa rachada, darase boa conta de todo o ocorrido na festa da anguía e a mostra da augardente do país de Valga.

Para rematar como é debido un programa cheo de cor e sorrisos infinitos, ‘Eu quero troula II’ ofrecerá a actuación do grupo tradicional Lirolai, do concello do Rosal.

Fuente Crtvg.es