Melody, Fredi Leis e a orquestra Finisterre encherán o escenario de «Bamboleo» de ritmo e diversión

0
21

Santiago, 04.04.2020.- A cantante Melody, que saltara á fama con dez anos coa súa popularizada canción de “El baile del gorila”, regresa esta noite á TVG ao programa “Bamboleo” (22.00 h) con algúns dos temas de éxito do seu amplo repertorio. A sevillana, cun estilo moderno en que abrangue diferentes estilos, fará gozar os espectadores coa súa música e a súa voz.

O espazo de entretemento que presenta Xosé Manuel Piñeiro contará ademais coas actuacións do cantautor Fredi Leis, unha das novas promesas da canción de autor renovada. O artista compostelán, que foi o abreconcertos de artistas como Alejandro Sanz, Malú e Rozalén, achegará “Mariposas” e “Sálvate”, dous sinxelos do seu primeiro álbum.

No apartado musical tamén será protagonista esta noite a orquestra Finisterre, unha das formacións de referencia nas celebracións galegas. Ademais, na sección habitual do programa, “Agora ou Nunca”, María Díaz e Alba López daranse a coñecer para o gran público interpretando “Ya lo sabes”, de Luis Fonsi, e “Incondicional”, de Prince Royce, respectivamente.

A diversión estará asegurada en “Dirtidansi”, onde esta noite se bailará rumba e pasodobre, e tamén nas seccións “Sobes ou baixas?”, “A ITV do Amor” e en “A Jrileira”, en que competirán no karaoke Lupe e Carlos.

Fuente Crtvg.es