Mocedades, Xosé Manuel Piñeiro, Rafael Basurto e Moncho Borrajo unen as súas voces en ‘Luar’ esta noite

0
17

Santiago, 01.10.2021.-  Arranca o mes de outubro en ‘Luar’ (21.55 h) na compaña de artistas emblemáticos e destacados para a audiencia da Galega, como é o caso de Mocedades e mesmo Rafael Basurto, a voz de Los Panchos. No apartado humorístico, Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández daranlles a benvida ao ourensán Moncho Borrajo e a Socorrito, personaxe divertida e aceda que interpretaba a actriz Mela Casal e que esta noite ofrecerá un monólogo para conmemorar os 30 anos de historia do espazo na Galega.

O versátil Xosé M. Piñeiro será tamén un dos artistas convidados, que protagonizará xunto con Mocedades, Rafael Basurto e Moncho Borrajo, un dos momentos máxicos da noite ao unir as súas voces no escenario e interpretar algúns dos temas máis coñecidos de Los Panchos e Mocedades.

O mítico grupo vasco Mocedades, inmerso na celebración do seu 50 aniversario, ofrecerá, amais, ‘Donde estás corazón’, un dos grandes éxitos da formación, composta por Idoia Uranga, José Mari Santamaría, Rosa Rodríguez, Fernando González e José Miguel González.

Pola súa parte, Rafael Basurto fará que soen de novo no programa algúns dos mellores boleros do seu famoso grupo. O último integrante da formación orixinal do trío Los Panchos ofrecerá co seu estilo inconfundible parte do seu repertorio máis aplaudido, cancións que son lenda e forman xa parte da historia da música hispanoamericana.

Complétase o elenco artístico, coas actuacións da orquestra Marbella e coa música tradicional que fai o dúo de pandeireteiras Lina e Lola. No certame de novos talentos ‘Recantos’ hoxe enfrontaranse, por primeira vez na competición, Marta Pacín, da Terra Chá, e Mixel, de Galicia centro. O concurso telefónico do programa parte cun bote de 2.000 euros.

Fuente Crtvg.es