Na noite de Reis, a TVG convida os espectadores a subir a bordo de ‘O tren que me leva’, unha coprodución coa televisión autonómica asturiana

0
29

Santiago, 05.01.2022.-    Nesta noite de Reis, a Televisión de Galicia tenlles preparada unha velada moi especial  aos seus espectadores, aos que convidará a subir a un tren, ‘O tren que me leva’ (22:45 h), unha coprodución que se emitirá simultaneamente coa televisión autonómica asturiana e que conta coa colaboración de Renfe. O programa será presentado por Arturo Fernández e Sonia Fidalgo, que van quedar encerrados nun tren do que non poden saír, o Costa Verde, que percorre o camiño entre Xixón e Ferrol, un dos traxectos ferroviarios máis espectaculares. O programa, o primeiro que a TVG grava nun tren en movemento como escenario, ofrecerá música e experiencias únicas, con visitas a lugares máxicos e marabillosos.

Pero esta non vai ser unha viaxe tranquila, xa que se atoparán na estación de Xixón con Luz Casal, que vai cantar en directo. A bordo do tren, actuará Lucía Pérez coa súa Banda do Tren, coa que vai interpretar cinco cancións en galego, entre elas, unha adaptación dun tema de Melendi, ‘A boca xunta’, outras de Elvis Presley e ‘O tren’, de Andrés Dobarro. Tamén vai actuar durante o traxecto a cantante da comunidade veciña Marisa Valle Roso.

Ademais, os espectadores van descubrir que o mellor cachopo do mundo se fai en Galicia e non en Asturias, e vanse atopar con paisaxes incribles, inéditas e nunca vistas, xa que ‘O tren que me leva’ vai parar onde eles queiran. E, ao chegar a Ferrol, nin imaxinan a sorpresa que lle ten preparada Arturo a Sonia. Ambos os dous contarán coa colaboración de Mariana Expósito, por parte galega, e de Alberto Rodríguez, pola asturiana.

‘O tren que me leva’ é unha viaxe chea de sorpresas e con moitas paradas e excursións. Presentadores e reporteiros competirán para levar o prezado premio: a perla do Cantábrico, un recoñecemento para o lugar, persoa ou candidatura da costa Cantábrica e Atlántica, no traxecto do tren, que destaque sobre todas as demais. Ademais, falarán das marabillas da costa cantábrica asturiana e galega, así como a parte da costa Atlántica ata  Ferrol, coa gran beleza paisaxística e humana das súas xentes. Non faltarán piques entre eles, aínda que non poderán deixar de admirar esa beleza das paisaxes e xentes que irán coñecendo na viaxe.

Algúns dos lugares e cousas que os espectadores coñecerán no traxecto do tren serán: Estaca de Bares, o banco máis bonito do mundo en Loiba, a súa competencia asturiana na praia do Sablón, os xardíns da Fonte Baxa de Luarca, as píntegas que viven agochadas na catedral de Oviedo, os deportes cantábricos como o surf e o golf, a maxia de Santo André de Teixido, o proxecto de parque xeodésico do Cabo Ortegal, a vida dos castrexos astures no Castro de Coaña e as delicias gastronómicas que se poden atopar en Cabo Busto.

Fuente Crtvg.es